José María Álvarez Blázquez:
Vida
v Xosé María Álvarez Blázquez naceu en Tui o 4 de febreiro de 1915, terceiro dos seis fillos, todos homes, do médico pontevedrés Darío Álvarez Limeses e de María Blázquez Ballester, procedente dunha familia colonial cubana.
v Seu avó paterno, Emilio Álvarez Jiménez foi o primeiro escritor en lingua galega da familia.
v Seu tío e padriño Xerardo Álvarez Limeses sería o segundo, e proporcionaría, co título do libro dos seus versos, nome para a chamada promoción de Antre dous séculos.
v Contra 1930, Xosé María publica os seus primeiros poemas en xornais de Pontevedra e Tui, e en 1931 empeza estudos de Maxisterio; no ano seguinte publica Abril, primeiro libro de poemas, en castelán, e funda, con Xoán Vidal Martínez, a revista Cristal.
v En 1933 ingresa nas Mocedades do Partido Galeguista.
v En 1935 ten o seu primeiro destino como mestre na Guarda. En 1936, feitos os vinte e un anos, ingresa no Partido Galeguista, é destinado en Vigo, remata o libro de relatos Os ruíns, empeza a estudar Filosofía e Letras.
v Chegado o conflito Xosé María é sancionado e desterrado á escola de Coreses, na estepa zamorana, pero non toma posesión porque ten que servir no Hospital Militar San Caetano de Santiago.
v Volto á vida civil, exerce como mestre en Coreses ata que en 1941 pide a excedencia voluntaria e se instala en Vigo para montar, con seus irmáns, unha fábrica de tellas e ladrillos en Nigrán, que tivo que pechar en 1945.
v A finais de 1956 casa con María Luísa Cáccamo Freiben, coa que tería seis fillos: María Luísa, chamada Colorín, que morrería mociña; Xosé María, o gran poeta; Alfonso, poeta tamén, e sobre todo fecundo e hábil narrador; Helena, actriz de teatro independente na súa primeira mocidade; Celso, filólogo e poeta; e Berta, a magnífica pintora.
v En 1949 publica con seu irmán Emilio o libro Poemas de ti e de min, e é nomeado membro correspondente da Real Academia Galega.
v En 1952 publica en Galaxia a súa monumental escolma da nosa poesía medieval clásica.
v En 1955 e 1956 publica dúas novelas en castelán, Las estatuas no hablan e Crecen las aguas. Son anos de intensa actividade literaria e publicística dirixida a complementar os seus pouco abondosos ingresos; gaña diversos premios literarios.
v En 1959 sae a súa importantísima escolma da poesía galega dos séculos escuros, e en 1962 é elixido membro numerario da Academia Galega, na que ingresará en 1964 cun discurso sobre Cantares e romances vellos prosificados. Neste ano funda tamén con seus irmáns as Edicións Castrelos.
v En 1969 viaxa á Arxentina, invitado polo Centro Galego de Bos Aires, e desde alí vai a Caracas.
v Os derradeiros sesenta e os primeiros setenta son anos de grande actividade editorial, nos que Xosé María converte as Edicións Castrelos en símbolo e instrumento da popularización do libro galego que forma parte do proceso político que vive Galicia naqueles mesmos anos, coa organización política do novo nacionalismo galego e as súas densas ramificacións culturais.
v En 1977 a súa muller María Luísa sofre unha meninxite que a pon ás portas da morte, e que acaba deixándoa totalmente xorda.
v En 1979, carecendo de continuadores, Xosé María véndelle os fondos de Edicións Castrelos a Galaxia. Pensaba dedicar o tempo suplementario a ordenar e preparar para a edición todos os seus achados literarios dos Séculos Escuros, pero por unhas cousas e outras isto non foi posible.
v En 1983 xubílase como mestre da Náutico-Pesqueira, e pecha simbolicamente a candidatura do Partido Galeguista nas eleccións municipais de Vigo. Pero xa estaba moi enfermo, e non puido traballar máis. O 2 de marzo de 1985 morre en Vigo, por culpa da afección cardíaca que padecía desde había anos.