Volver

VALENTÍN PAZ ANDRADE

DÍA DAS LETRAS, 2012

CONCELLO DE RIANXO, 19 de MAIO de 2012

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DOS TRES GRUPOS POLÍTICOS DO CONCELLO DE RIANXO

     Cando se cumpren 50 anos da celebración das Letras Galegas desde o Concello de Rianxo renovamos o compromiso coa lingua propia de Galicia. 50 anos desde que a Real Academia Galega no ano 1963 institucionaliza esta data, como non, lembrando a Rosalía de Castro nos cen anos da publicación dos seus Cantares Gallegos, primeira grande obra da literatura galega moderna

     O noso concello conta con tres nomes propios merecentes dese máximo recoñecemento que Galicia da ás letras: Castelao no 1964, Manuel Antonio no 79 e Rafael Dieste en 1995. Unha nómina de autores que algún día desexamos ver aumentada por Faustino Rey Romero, crego de Isorna. Esta corporación no ano 2011 aprobou por unanimidade solicitar da Real Academia a súa candidatura para converterse no cuarto rianxeiro agasallado co seu nomeamento para esta data especial e simbólica de encontro e reivindicación da língua e da literatura galega.

     Valentín Paz Andrade, personaxe polifacético (avogado, poeta, experto en pesca) aínda que, sobre todo, xornalista, a quen homenaxeamos este ano mantivo unha fonda vinculación con Castelao, e mesmo con Manuel Antonio ou Dieste. Xuntos Castelao e Paz Andrade, veremos nas intervencións posteriores de Xosé Luís Axeitos e Alfonso Paz Andrade, compartiron amizade en Pontevedra, a implicación no xornal Galicia, onde a cabeceira e os debuxos de Castelao estiveron presentes na andaina intensa deste xornal. Mais tamén partillaron traxectoria política no galeguismo que trouxo a Paz Andrade á nosa vila en barco desde Vilagarcía en 1932 como se recollen nos xornais de época: precedidos de bombas de palenque e a banda a interpretar o Himno Galego.

     Unha relación duradeira que leva a Paz Andrade a ser cronista seguro indesexado de malas novas como a do célebre suplemento do xornal La Noche no que recolle en 1950 o pasamento de Castelao… deberon doblar a morto todos as campas das igrexas de Galicia…campas mariñeiras de Rianxo…Ou a fondura do poemario Pranto Matricial, publicado en 1955 e esta semana recitado en inúmeros actos culturais, escolares e institucionais. Ou como autor da biografía Castelao na luz e na sombra.

     Neste acto de homenaxe a Paz Andrade e ás Letras Galegas, no salón máis nobre da casa de todos e todas os rianxeiros, o salón de plenos, na compaña dos veciños e veciñas de Rianxo, os tres grupos políticos presentes na Corporación Municipal do Concello de Rianxo renovamos o compromiso firme coa nosa língua, en todos os ámbitos institucionais, administrativos e públicos, conscientes de estarmos diante dun dos elementos fundamentais que nos significan como pobo