REFRANEIRO
SETEMBRO Setembro é o noveno mes do ano no calendario gregoriano, tendo a duración de 30 días. Setembro debe o seu nome á palabra latina septem (sete), dado que era o sétimo mes do calendario romano, que comezaba en marzo. Na Grecia Antiga, setembro chamábase Boedromion. No 22 ou 23 de setembro, o Sol cruza o ecuador celeste rumbo ao sur; é o equinoccio de outono, comezo do outono no Hemisferio Norte e da primavera no Hemisferio Sur. Normalmente o mes de setembro non adoita deparar moitos días de choiva, pero si son frecuentes as tormentas ou algún día no que chova durante polo menos catro horas: “Néboa en setembre trae o sur no ventre”, “A castaña no agosto quere arder, e no setembro beber” “Setembro, ou leva as pontes ou seca as fontes”, “Setembro, ou seca as fontes ou leva as pontes”. No campo setembro é un mes moi laborioso; é o mes das vendimas: “Ós comenzos de setembro aparella as cubas pra vindimar as uvas”, “A cepa, tarde ou cedo, sempre dá uvas polo setembro”, “Agosto madura e setembro vendima as uvas”, “En setembro colle o viño e non durmas no camiño”, Pola Virxe do Portal pon a xente a vendimar”,”Polo san Mateu cada un vendima o seu”, “Polo san Mateu ( día 21), vindima arreo”. Tamén é o mes da recolleita (arrinca) das patacas, de coller o millo, as cabazas, arrancar a remolacha e as cenorias : “En setembro os melóns atópanse polos rincóns”,“No setembre come e vende, mais non sea tanto o comer que non deixes qué vender”, pero tamén: “No setembre come e vende, mais non sea tanto o vender que non deixes qué comer”. Setembro é o mes do mel: “Se queres mel, por San Miguel”. No mar un dito galego asegura que o marisco é mellor nos meses que teñen “r”, que son os que van de setembro a abril. Di o refraneiro: “De San Xoán a setembro todo o mar é corrente”, “A sardiña en san Miguel ¡entón é el!”. Hai que ir preparándose para outras lerias pois, “Agosto e setembre non duran sempre”, “San Miguel ( día29) das uvas, tarde nos vés e pouco nos duras”. 1. Copia os refráns. 2. De onde ven o nome de setembro? Como se chamaba na Grecia antiga?. 3. Vocabulario: ecuador, equinoccio, millo, cabaza, mel, uvas, cenoria. 4. Cantos equinoccios hai? Que pasa no equinoccio de outono? 5. Explica o refrán: “Setembro, ou seca as fontes ou leva as pontes”. 6. ¿Qué se recolle do campo no mes de setembro?. 7. Enumera os meses que teñen “r”. 8. Fai unha redacción sobre a Guadalupe en Rianxo. 9. Fai un texto no que empregues algúns dos refráns de setembro.
|
OUTUBRO Coa chegada do mes de outubro os galeg@s despídense do verán e prepáranse para o inverno. Será tempo de frío e chuvia, do contrario: “Outono quente, trae o demo no ventre”. Os días xa non serán longos como no verán, polo que:“Pasados os Remedios (segundo domingo de outubro) e san Roque, xa non hai sesta nin merendote”. O refraneiro vai sinalando os cambios: “Polo San Lucas (18) e polo San Pastor, entran as noces en sabor, as mozas en amor e as vellas en dor”. A chuvia estará moi presente neste mes: “As avenidas de San Simón, antes ou despois sonadas son”ou“As enchentes de San Simón sonadas son, ou antes ou despois enchen o carro e mais os bois”, “ San Pedro e san Simón traen a chave do trebón. Así como eles son santos, traian os trebóns mansos”. O refraneiro marca as medidas que deben tomar os mariñeiros: “De setembro a San Simón non cóma-lo mexillón”. ( Mareas vermellas). “Áncoras ó fondo, que chega San Simón (28)”, ou “Polo san Simón, áncoras ó fondón”. “En san Francisco (4) trae a vela, en San Xosé lévaa”. “Por San Simón, camiñar si, navegar non”. Os labregos tamén teñen que ter en conta: “ En outubro, a terra esterca é cobre”. “Polo San Cremente, ergue a man da semente”, “Polo Pilar (12), os nabos na terra e o viño a envasar”, “A verdura en outono cómea o seu dono” tamén , “A horta de outono mantén ó seu dono”, “Por San Francisco bota o liño mourisco, se o botas en San Simón nin da estopa nin estopón”. É outubro un mes esencial para o viño, os que se dedican a facelo teñen recomendacións: “Polo San Lucas saben ben as uvas”, “Por San Simón e San Xudas, collidas as uvas”. “Por San Lucas alza o boi da suca, mata o porco e tapa a cuba”, “Por San Simón, aperta o baldón”, “ Polo San Simón proba o viño, e o porco polo San Martiño”. Unha boa proba da chegada do frío: “San Simón, se me pillas unha mosca, douche un millón”.
|
Outono
bonito,folliñas
no chan, (Lucía Somoza) Unha
cousa que vive na devesa e vaille picar o cu á artesa ( Alex Iglesias)
1.Pasiño
a pasiño con castañas e liscos fas o camiño. As castañas son castañas, os ourizos son ourizos; os ollos da túa cara, para min, son dous feitizos (Marcos Rial) |
"Castañas,noces
e viño,fan as delicias do San Martiño" (Sara Tubío) 1.Pan noces e viño fan
as delicias do San Martiño (María García) “Polo San Martiño, trompos ao camiño.” "Fíate das castañas asadas, que se
estoupan, sairanche á cara" . “ A horta do San Martiño tén para el e
mais para o veciño.” "San Migueliño das uvas maduras, moito me tardan, pouco me duran." (Bernal Muíños) |
NOVEMBRO O refraneiro coñece este mes coas denominacións populares de mes de Santos, dos Mortos ou mes de San Martiño: “ Bendito mes que empeza con Santos (día 1) e acaba con San Andrés ( día 30)”. Lémbrasenos que estamos no inverno máis pleno: “Entre Santos e Nadal ( ou Natal) inverno ( ou inverniño) caroal ( Duro ou frío)”; tamén: “ Entre Santos e Navidá* é inverno de verdá*”, “Entre Santos e Natal ou ben chover ou ben nevar” ou “Entre Santos e Nadal ou ver clarear ou ver nevar”, “Día de tódolos Santos neve ós campos”, “Polo San Martiño neve nos altiños”. Neste mes aconséllase a matanza: “No mes dos mortos, mata os teus porcos”, “ No mes de Santos, porcos ós bancos”, “Polo San Martiño xa se pode untar o porquiño”, “Once de San Martiño, cóllese o porco polo fociño (fuciño)”. Moitos son os refráns que teñen como tema o viño: “O día de tódolos Santos anda o pan e o viño por tódolos cantos”, “Polo San Martiño proba ( ou abilla) o teu viño” ou “O día de San Martiño ( día 11), empeza o teu pipotiño”, “Polo San Martiño vende o teu viño, e antes ó pipeiro que ó taberneiro”. O moito andar co viño pode ser o responsable de: “Polo San Martiño, trompos ó camiño”. Tamén das chuvias se ocuparán os refráns diste mes: “Entre Santos e Natal, arrieiriño non vaias ó sal ( disolverase coa chuvia) que perdes o burro e o capital”, noutras palabras: “Entre Santos e Nadal arrieiriño ó ir ó sal vas perder o burro e o cabezal”. Novembro poderá ter algúns días de bo tempo, aínda que poucos: “ O verán (vrao) de San Martiño son tres días máis un pouquiño” ou “ O verán de San Martiño dura encanto o can pasa o camiño”. Contra final do mes chegará o máis duro do inverno, polo que será o tempo de recollerse: “Pola Santa Catalina (día 25), deixa a túa campiña”.Remata o mes o día de San Andrés ( día 30): “A San Andrés de Teixido irás de morto, se non fuches de vivo”.
|
DECEMBRO. É decembro o último mes do ano, tamén chamado Nadal ou Natal. O inverno, chuvia e frío, é o tempo propio deste mes: “Tras o vranciño* de San Martiño, chega Nadal co seu inverniño”, “Entre Santos e Natal é inverno carnal” ou “Entre Santos e Natal é o inverno natural”, “Días de decembro, días de amargura. Apenas amence, xa é noite escura”. A chuvia ten moita presenza no refraneiro de decembro: “Nadal chuvoso*, xaneiro ventoso”, “Entre Santos e Natal ou ben chover ou ben nevar”, “Nadal mollado e xaneiro ben xeado”, “Día de Santa Lucía (día 13), enchente de auga ou de sardiña”, “Si Nadal nada, sinal de boa anada”. As xentes coñeceron dende moi antigo a marcha solar: “Pola Santa Lucía, tan longa é a noite como o día”, “Dende a Santa Lucía mingua a noite e medra o día”, “Por Santa Lucía ao salto dunha pulga, medra o día”. O mes de decembro é época de escasa labor agrícola e gandeira: “ Pola Concepción (día 8) ningunha galiña pon”. Recoméndase sementar os allos: “O que queira bo allal, seménteo no mes de Natal”, “O allo no día de San Silvestre(día 31), nin nacido nin na reste”. Tamén é boa época para os nabos: “Cada cousa no seu tempo e os nabos en Advento”. Pódese ir preparando a terra, pois: “Se a noite de Nadal hai luar, labra ben para sementar; se a noite de Navidá* fai de escuro, sementa no terrón duro”. O día 31 (San Silvestre) remata o Ano Vello. Coa chegada da noite débese cortar as xerdas (sedas) do rabo ás vacas e ás bestas para que non mosquen en todo o ano (Feito totalmente comprobado): “Vaca ou besta co rabo rapado non moscará en todo o ano”. Logo tratarase de despistar ás bruxas: “San Silvestre, que hoxe é martes”, “¡ San Silvestre, meigas fóra!”. Despois da cea tomaranse, ás doce da noite, as 12 uvas da sorte. 1. Copia os refráns.
|
Para
saber se vai chover: Nuria Muñiz Ordóñez |
|
XANEIRO.
O refraneiro galego é prolífero, sobre todo no referente aos meses,
relacionando estes co tempo e coas actividades agrarias
e mariñeiras.
Xaneiro é o primeiro mes do ano. Estaba
dedicado ao deus Xano.
Falando do tempo ó mes de
xaneiro tócalle a chuvia, o frío e sobre todo a
"xeada", pois a maioría dos refráns referidos á xeada son de
xaneiro, xa que é cando máis xea:“Xaneiro, xeadeiro”,"Ano de
xeadas, ano de fornadas", “En xaneiro xéase a auga no pucheiro”,
“Se o Nadal vén mollado, o xaneiro vén xeado”, “Xaneiro, xeadeiro;
febreiro fervedeiro; marzo pelarzo; abril co día no cubil”, “Xaneiro,
xeadeiro, febreiro, grileiro”, “Xaneiro xeado e abril mollado enchen o
faiado”, “Se xea o día de Candelas sesenta noites detrás dela”.
Para a chuvia dinos:"Poucas chuvias en xaneiro, enchen o canleiro",
"A auga do mes de xaneiro mata ó usureiro", “Cada gota de
xaneiro, vale diñeiro”, “Xaneiro chuvioso, febreiro ventoso, para un
marzo florido e fermoso”, “No xaneiro, busca a lebre no bulleiro”.
O tempo frío é o propio do mes: “En xaneiro, comeza o ano con frío
sano”, "No mes de xaneiro pés no braseiro", “En xaneiro,
mellor carballo que castiñeiro”, “En xaneiro, frío no corpo enteiro”,
“No mes de xaneiro, sete capas e un sombreiro”, “En xaneiro,
polo día ao sol e de noite ao braseiro”.
Tamén o refraneiro do mes nos advirte dos perigos do sol neste
tempo:“Polo xaneiro verán, nin palla nin gran”, “Xaneiro quente,
trae o demo no ventre”, “En xaneiro e en febreiro, non tomes o sol sen
sombreiro”. Referente
aos traballos no campo, dísenos:"En xaneiro, visita o outeiro; se
ves verdegar, ponte a chorar; se ves terrexar, ponte a cantar", “En
xaneiro, pon o alleiro”, “ Tantos días ten xaneiro coma allos dá o
alleiro”, “Polo san Vicente, planta os nabos da semente”,
“A verza en xaneiro, sabe mellor que o carneiro”, “Poda en
xaneiro, vendima no sombreiro” ,” No minguante de xaneiro, corta o teu
madeiro”. Protector dos animais é san Antón Abade por iso para os
gandeiros: “En xaneiro, San Antonio verdadeiro”, “Dezasete de
xaneiro, San Antón verdadeiro”.
Cara ao final do mes, os días irán medrando e o refraneiro
lembraranos: “Polo San Vicente, o inverno perde un dente”,
“En xaneiro, mete obreiro”.
|
FEBREIRO Febreiro, o segundo mes do ano, é o máis curto, ten 28 días e 29 nos anos bisestos . Estes, que son cada catro anos, son os que teñen as súas cifras divisibles por 4, agás que as dúas últimas sexan ceros. Neste caso só son bisestos os anos divisibles por 400. Tres días de febreiro gozan de certa distinción en virtude da correspondente festividade: o día 2, festa da Purificación ou da Candeloria, o 3, festa de San Brais (Blas), e o 24, festividade de San Matías. O refraneiro lémbraos: “Pola candeloria, metade do inverno fóra; se chove ou fai vento, metade fóra, metade dentro”, “O dous de febreiro súbete ó outeiro; se ves negrexar ponte a cantar; se ves branquexar bótate a chorar”, "Cando a Candeloria chora, metá* do inverno vai fóra","Pola Candeloria metá do inverno vai fóra, se chove ou venta, inda entra","Se a Candeloria chora, metá do inverno vai fóra; que chore que deixe de chorar, metá do inverno está por pasar", "Pola Candeloria casan os paxariños e vaise a galiñola","A partir da Candeloria, ningunha ave voa soa", “Polo San Brais, dúas horas máis”, "Día de S. Brais , hora e media máis, e o que ben lle contou, dúas horas lle encontrou".. “Mira, Brais, por onde vas, e coida ben o que fas”, “Brais, lávate e comerás, e despois de ben lavado non comerás bocado”, “San Brais da barca que afoga e non mata”, “Polo San Matías igualan as noites e os días”, “Polo San Matías, marzo ós cinco días”, “San Matías, anda co Entroido ás porfías”. Para o tempo temos un bo resumo no seguinte refrán: “Febreiriño corto, cos teus días vinte e oito,se duraras outros catro, non deixabas can nin gato,nin ratiño no burato, nin ovella rabela, nin pastor para ir con ela, nin cornos no carneiro, nin orella ó pregoeiro”. A chuvia deberá estar moi presente, pois: “Se non chove en febreiro, nin bo prado, nin bo centeo, nin bo lameiro”, “A chuvia de febreiro, enche o cabaceiro", “A chuvia en febreiro fai o palleiro”,"En febreiro corre a auga por calquera regueiro". O frío tamén é propio do mes: “En febreiro, sete capas e un sombreiro”, “Febreiro, xeada na leira e cachopo na lareira”, "Mal ano espero, se en febreiro anda en mangas de camisa o xornaleiro". A neve de febreiro, case sempre pouca, din que é boa para as queimaduras, por iso sempre se gardaba algunha derretida en auga e metida nunha botella: "Neve febreiriña, tarde vén e logo camiña","Neve febreiriña pica a galiña","A neve febreiriña vaise axiña", "Dure a mala veciña o que a neve febreiriña". 1.- Copia os refráns. 2.- ¿Qué son os anos bisestos ?. 3.-Se non se cambia o calendario gregoriano, que pasará no ano 4582?. 4.- Explica, coas túas palabras, que é o Entroido. 5.- Explica en que consiste a Candeloria. 6.- Vocabulario: Rabela, centeo, lameiro, cabaceiro, palleiro, regueiro, cachopo, xornaleiro 7. Explica o refrán, “Polo San Matías igualan as noites e os días”. 8. Fai un texto no que empregues algúns dos refráns de febreiro. |
MARZO Marzo é o terceiro mes do ano. O nome procede do deus Marte. É o mes da primavera, como indica o refrán "en marzo, iguarzo" ou "marzo pelarzo e iguarzo", pola igual duración do dísa e da noite, fenómeno que se dá entre os días 20 e 21 (equinocio de primavera). O mes tén fama polo irregular da climatoloxía: "marzo marzadas, vento frío sol e saraibadas", polo variable do tempo do día; "marzo marzán, pola mañá cara de rosa, á tarde de morriña e á noite corta coma unha fouciña", "marzo marzán, pola mañá cara de rosa (ou santo); pola tarde, cara de can" ou marzo marzal cara de burro e orellas de can". A posibilidade de que sexa un mes frío aconsella "En marzo, abrigo, noces e pan de trigo". Sin embargo cómpre ter coidado con ese primeiro sol tan perigoso " O sol de marzo queima (ou mete) a dama no pazo". Como mes de transición entre o inverno e a primavera plena, aparecen consellos agrícolas contraditorios. Así ao lado duns claros "marzo chegar é tempo de enxertar" ou "O que queira bo cabazo que o semente en marzo", aparecen outros que aconsellan podar nesta época: "En marzo, podar e cavar se queres colleitar" ou "Quen en marzo non poda a súa viña, perde a vendima" fronte a un "Vendima no regazo aquel que poda en marzo". Tocante ás comidas aconséllase marisco de rocha e peixe de río: " O percebe e o salmón en marzo están en sazón". Teñen mala fama as Pascuas cando veñen adiantadas e caen neste mes: " Pascuas en marzo, fame ou mortanzo". Un amplo número de refráns refírense á chegada dos animais asociados á primavera: " Entre marzo e abril sae o cuco do cubil". Outros dinnos, " Se o cuco non vén entre marzo e abril, ou o cuco é morto ou a fin vai vir". Tamén se fala das ras e do seu adianto en " Se por marzo canta a ra en maio xa calará" pois "Cando marzo maiea, maio marcea". Tamén hai refráns de marzo que o presentan como introdutorio doutros meses plenamente primaverais, así dise "Marzo ventoso e abril furiñoso poñen ao maio florido e fermoso" ou "Marzo airoso e abril chuvioso sacan o maio florido e fermoso". "O amigo e o bo tempo, múdanse co vento". "Se non hai vento, fai bo tempo" 1.- Copia os refráns. 2.-Cales eran os principais deuses romanos? 3.- Que tipos de pan coñeces? 4.-Explica, coas túas palabras, que é a "Pascua". 5.- Que representa o cuco na cultura galega? 6.- Vocabulario: Fouciña, enxertar, cabazo, aconsellar, colleita, regazo, sazón. 7.- Explica o refrán: "Cando marzo maiea, maio marcea". 8.- Fai un texto no que empregues algúns dos refráns de marzo. |
ABRIL Abril é o cuarto mes do ano; ten 30 días. É ben sabido que os meses da primavera son de suma importancia no ciclo agrario; segundo agromen os produtos neste tempo de inicios, así poden chegar a ser as colleitas: “Abril e maio son as chaves do ano”. Neste país de pesimistas a xente tamén desconfía deste mes: “Abril abril de cen en cen anos deberas vir”, “Abriles bos e bos fidalgos son escasos” ou “Abriles e cabaleiros son ás veces traizoeiros”. Na climatoloxía: “Se neva en abril de cen augas nacen mil”, “ Abril mollado de pans ven cargado”, “En abril augas mil”, “En abril augas mil, cantas máis puideran vir”, “En abril augas mil, todas xuntas non apagan un candil”, “En abril augas mil, todas caiben nun barril” “ En abril as augas enchen o carro e o carril”, “Vale máis un trebón en abril que os bois, o carro e o que vai nil”, “En abril con día ao cubil”, “Abril frío moito pan e pouco viño”, “Cando abril recacha aínda a vella queima a racha”. Outro núcleo temático é o referido ás celebracións relixiosas propias deste mes, ( aínda que ás veces coinciden en marzo): “Ramos mollados, carros cargados”, “ O día de Ramos lava os teus panos, o da Pasión ou os lavarás ou non”, “Que altas que baixas en abril son as pascuas”, “Pascuas molladas, anadas dobradas”, “Pascuas enxoitas, nin poucas nin moitas”, “Pola pascua rebole o paxaro na casca”. Non é un mes no que haxa moito traballo no agro: “Abril déixame durmir que no maio é onde eu me caio”, “En abril as viñas a relucir”, “Polo San Marcos ( día 25) nin o millo nado nin no saco”. Para o mar: “A sardiña polo abril cóllea polo rabo e déixaa ir, por maio ásaa no borrallo e por San Xoán xa molla o pan”, “Solla en abril, abre a man e déixaa fuxir”, “O salmón en abril para min, en maio pro criado e en San Xoán pro can”. Nalgunhas comarcas de Galicia en abril celébrase unha data de bromas e inocentadas, o refraneiro recorda: “O primeiro de abril van os burros onde non deben ir”. "Muller, vento e ventura, axiña mudan"."Norte escuro, vendaval seguro" 1. Copia os refráns. 2. ¿Quen eran os fidalgos ? 3. ¿ Que e como se celebra o Domingo de Ramos? 4. Explica, coas túas palabras, que son as inocentadas. 5. ¿Que representa o cuco na cultura galega? 6. Vocabulario: Candil, anadas, barril, carril, borrallo, recachar, racha. 7. Fai unha redacción sobre “A Pascua en Padrón”. 8. Fai un texto no que empregues algúns dos refráns de abril. |
MAIO Maio é o quinto mes do ano; ten 31 días. Os romanos chamábanlle maius, o nome parece que provén da deusa romana Maia ( nai de Mercurio). Por representar o triunfo da vexetación leva o sobrenome de mes das flores; tamén ten o nome relixioso de mes de María. Para o refraneiro é un mes moi apreciado: " Ben veñas maio, o mellor mes de todo o ano" "Maio maial, se vén como debe, non tén rival" "Maio maiolo, oxalá durarás o ano todo" "O mes de maio, pasa coma un raio”. Na climatoloxía convén que siga habendo auga: “Chova en maio e non chova en todo o ano”, “ Auga de maio non fai dano”, “Auga de maio pan todo o ano”, “Maio chuvioso, verán caloroso”, “ Maio me molla, maio me enxuga, maio me bota na sepultura”, “En maio, aínda bebe o boi no prado”. Se ben pasou o inverno, “De san Tomé(21 de decembro) a san Matías(14 de maio) poden as noites cos días”; aínda pode haber fríos: “En maio aínda a vella queima o tallo ( ou o saio), “Garda o teu saio, para maio", "Ata o corenta de maio, non te quites o saio”, “Ata o corenta de maio, non te quites o saio e, se volve a chover, vólveo a poñer" Maio será un mes de moito traballo no agro: " Nin en maio son máis horas que o traballo" " Are que arou que xa maio entrou" "Cava, labor e barbecho, en maio han de estar feitos" “En maio de meu ( ou de sono) me caio, xa coa amiola, xa co traballo”, “En maio eu me decaio”, “Abril déixame durmir que no maio é onde eu me caio”. Para o mar: Parece que non é época de comer moito peixe: “ O peixe en maio, a quen cho pida, dállo”. Sen embargo as sardiñas xa empezan a estar en tempo, pois como xa dixemos nos refráns do mes anterior: “A sardiña polo abril cóllea polo rabo e déixaa ir, por maio ásaa no borrallo e por San Xoán xa molla o pan”. Tamén o polbo ten os seu refráns no maio: “En maio, sae o polbo do ramaio”, " En maio sai o pulpo do zamaio". " Maio ventoso, par o labrador fermoso, para o mariñeiro desastroso". "A sardiña de maio que a parta un raio" Despídese maio cun dito para o verán que chega: "San Fernando (30 de maio), pulgas á xente e moscas ao gando" 1. Copia os refráns. 2. O primeiro domingo de maio celébrase o “Dia da Nai”. Fai un comentario desta celebración. 3. Cando é a festividade de San Fernando? Quen foi este santo? 4. Explica, coas túas palabras, que son os maios. 5. Vocabulario: barbeito, borrallo, cava, enxuga, ramaio, zamaio. 6. ¿Que se sementa ou planta no mes de maio?. 7. Fai unha redacción sobre “A Festa dos Traballadores”. 8. Fai un texto no que empregues algúns dos refráns de maio. |
XUÑO Xuño é o sexto mes do ano. O nome “xuño” deriva da advocación desta época do ano á deusa romana Iuno, protectora do casamento, do parto e sobre todo da muller en todos os aspectos da súa vida . O mes ten trinta días, sendo o 21 o solsticio de verán, polo tanto o día máis longo do ano. O día 24 celébrase a festividade de san Xoán, dada a importancia dentro do mundo cristián do santo: “ No día de san Xoán baila o sol pola mañán”, fai que a denominación cristiá de mes de san Xoán substituíra case completamente á romana, polo menos en algo tan popular como o refraneiro. Estamos no verán e así nolo amosa o refraneiro, moitos dos ditos refírense ao alongamento dos días: “En san Xoán, as nove con día dan”, “San Xoán claro como o ollo do gato (ou do galo)” “¡Ai, maio, maiolo! Peor aínda é o mes que vén logo”, “ No mes de san Xoán, pícanlle as pulgas no rabo ó can”. As chuvias tardías tenden a estragar os cultivos: “Auga de San Xoán tolle o viño e non dá pan”, “As tormentas por san Xoán tollen o viño e levan o pan”, “En san Xoán, a mexada dun can”, “Entre San Xoán e Santiago, Dios nos libre dun nubrado”, “Invernía de San Xoán, tolle o viño e non dá pan”. Os traballos do campo van xirar arredor da sega ( trigo, centeo, herba), sacha ( millo, patacas) e coidado das viñas: “En san Xoán, a fouce na man”, “En san Xoán, bótalle a fouciña ó pan; en Santa Mariña, da meda fai fariña”, “San Xoán daime o pan e san Martiño o viño”, “Entre San Xoán e San Pedro xofra sen medo”. No mundo do mar a sardiña será a raíña: “A sardiña en San Xoán xa molla o pan”, “En San Xoán pinga a sardiña no pan”, “Polo san Xoán á sardiña, e en setembro á vendima”. Non é recomendable o outro peixe: “No abril para min, no maio para o criado e no san Xoán o peixe para o can”. As fogueiras alumarán a noite de san Xoán, o refraneiro lembra: “Fogueira de San Xoán, que non pase cadela nin can”, “O día de san Xoán, as fogueiras acesas están”, “O día de san Xoán, fogueiras ó chan”, “O peixeiro trae peixe, o panadeiro trae pan e as trasnadas San Xoán”. "Lúa con risco, choiva e ventisco". "Lúa nova con treboada, trinta días a mollada" O refraneiro sempre acerta: “Con pan ou sen pan, o que non morra vivirá por san Xoán”. 1. Copia os refráns. Fai un texto no que empregues algúns dos refráns de xuño. 2. De onde ven o nome de mes de xuño? E o de San Xoán? Que outros nomes ten? 3. Que protexía a deusa romana Iuno? Que efectos producen as chuvias tardías? 4. Que traballos se fan no campo neste mes? Quen será a raíña do mar? 5. Vocabulario: solsticio, rabo, ravo, sacha, fouce, xofre, vendima, trasnada. 6. Fai unha redacción sobre as fogueiras de San Xoán |
XULLO Xullo é o sétimo mes do ano. O nome outorgoullo unha orde de Marco Antonio no ano 44 a. de C. para honrar a memoria de Xulio César. O día 25 celébrase a festividade de Santiago, polo que tamén se coñece co nome de “Mes da Sega” ou de Santiago. O día do Apóstolo tamén se celebra o Día de Galicia E falando de xullo, falaremos de calor e de seca: : "En xullo onde o mozo: ou no río ou no pozo","O que non aproveita xullo para se bañar, é que ten medo do río e do mar", "En xullo arder e patacas coller", "En Santiago arden os montes e secan as fontes","En xullo normal seca todo manantial*", "Principia asando e acaba tostando","xullo quente, millo valente”. E tamén falaremos de treboadas: "Se en xullo non vén treboada, haberá mala anada". As chuvias neste mes, aínda que poucas, poden favorecer os cultivos: “Santiaguiño, sempre co seu canadiño”, "Por moito que queira ser, en xullo pouco ha de chover", “Auga de Sta Mariña hasta na meda fai fariña”,"Auga de Sta Mariña cura a feridiña”, "Se chove por Santa Ana ( día 26), chove un mes e unha semana" Os traballos do campo seguen xirando arredor da sega ( trigo, centeo, herba), sacha ( millo, patacas) e coidado das viñas: “xullo andado, millo arrendado”, “Pola Santa Mariña ( día 18), pousa a sacha e colle a fouciña” "Por Santiago pinta o bago","Cando a mora madura, xa pinta a uva","Cando comenzan as uvas a pintar, comenzan as mozas a fiar", “ Por Santa Mariña vai ve-la túa viña, como a terás, así vendimarás”, “Polo Santiago seméntase o nabo”, “ Pra coller moitos nabos, por Santiago sementalos”, sumándoselle o traballo cos animais: “Pola Santa Mariña, rapa a añiña”, "Baña en xullo o teu gando, despois de haber sesteado", “Por Santa Mariña mata a túa galiña”, “Polo Santiago non hai mal cabalo”. No mundo do mar, nos meses do verán, as sardiñas mandan: “Por Santa Mariña pinga a sardiña”, “Pola Santa Mariña, boga e sardiña”, “Pola Santa Mariña, salga a sardiña”. En Rianxo, en xullo, celébrase a Festa da Xouba; din que as de aquí son as mellores. O Refraneiro tamén nos lembra:"Cando o trigo vai louro, o muxo vale ouro" e “Xullo, xulleiro, que traes o centolo valdeiro”, pois “Nos meses sen erre, marisco non comas nin marisco merques”.
|
AGOSTO Agosto é o oitavo mes do ano no calendario gregoriano e ten 31 días. Púxoselle este nome en honor do emperador romano Augusto Octavio (Augustus Octavius). Nalgúns lugares de Galicia tamén se lle chama mes de Santa María. Presenta un tempo seco e caloroso: “Se o mes de agosto ven craro, bon magosto e bon nabo; se ven nubrado, poucas castañas e nabos furados”, “Agosto fina o rostro”, “En agosto as castañas arder, e en setembro, beber”; aínda que pode haber tormentas illadas, a chuvia é pouco apreciable: "Chuvia no agosto, nin bo magosto, nin bo mosto, nin bo entrecosto","Non é bo mosto o que se molla en agosto" .Pero:“Se non chove en agosto, non hai magosto” (as choivas boas para os castiñeiros). Os campos están amarelos e agostados: "Agosto ardenteiro, herba no palleiro". Os ríos con marcado estiaxe e a evaporación é enorme: “En agosto secan os montes e en setembro secan as fontes”. No transcorrer do mes vanse acurtando os días: “En agosto, sol posto, noite connosco”; as noites largas suavizan bastante as temperaturas (orballos polas mañás): “O orballo de agosto, dá polo rostro”. No campo trabállase de sol á sol: “O agosto fártanos e o agosto mátanos”; é o mes da recolleita de cereais, da malla: “Agosto pasou, quen mallou, mallou”. Hai que seguir a vixiar as viñas: “ Agosto madura e setembro vendima as uvas”, “Por Santa Mariña (14 de agosto) vai ver a túa viña, e se mal a atopas, mal a vendimarás”. A horta tamén dá traballo: no minguante de agosto arráncanse as cebolas, nesta mesma lúa seméntanse as escarolas. En torno ao 15 de agosto seméntanse os nabos. O refraneiro lembra : “Por San Bartolo (24 de agosto) planta o repolo”. No mar os mexillóns están en sazón; por varias localidades mariñeiras celébranse múltiples Festas do mexillón, onde son degustados estes moluscos de múltiples maneiras. Tamén a sardiña segue consumíndose neste mes: “ En agosto come a sardiña ben a gusto”, “A sardiña por agosto pide o viño do mosto”, “En agosto, sardiña e mosto”, “ A sardiña en San Miguel (día 29) ¡entón é el!”. Para o marisco lembrade que agosto non ten “R”: “San Bartolomeu píllame un cangrexo. Pillarei, pillarei se o vexo”. 1. Copia os refráns. 2. De onde ven o nome do mes de agosto? Que outro nome ten? 3. Que monumentos temos en Galicia deixados polos romanos? 4. Explica, coas túas palabras, que importancia ten para Rianxo a chegada de turistas típica de agosto. 5. Vocabulario: agostados, estiaxe, minguante, escarolas, mosto. 6. ¿Qué se sementa ou planta no mes de agosto?. 7. Fai unha redacción sobre “A Festa do mexillón de Rianxo”. 8. Fai un texto no que empregues algúns dos refráns de agosto.
|