Inicio

Roberto Vidal Bolaño, un home do aquí

Roberto Vidal Bolaño en Compostela

         Se o Concello de Santiago de Compostela, capital de Galicia, acumulase sequera unha parte testemuñal de intelixencia e dignidade, interviría con toda a súa potencia institucional para que Roberto Vidal Bolaño teña no 2013, e desde agora mesmo, a homenaxe e o recoñecemento que a súa figura e a súa obra esixen. Por moitas razóns. Porque probablemente non hai na historia da literatura galega un autor tan irremediablemente ligado a Compostela. Porque Roberto foi un personaxe  afectivamente bordado ao fondo de pedra e nube da cidade. É dicir, porque a súa vida e a súa obra sempre se proxectan sobre o releve das múltiples dimensións de Compostela: a súa historia, as súas miserias, os seus derrotados e tamén a súa inconfundible beleza. E sobre todo as súas clases populares, pois Roberto Vidal Bolaño foi un rabudo e orgulloso ser humano radicalmente consciente da súa condición. Sempre tomou partido, por iso aparecía sen falta ao lado dos derrotados, dos desposuídos, dos violentados, dos subalternos, do proletariado, en cuxo seo se levantou a súa verdadeira patria.

       Esa condición orgullosamente clasista de Vidal Bolaño non só se manifestaba no seu transcorrer fachendoso e impoñente por rúas e calellas compostelás, coñecidas e ocultas, senón que atravesa coma un relampo cegador a totalidade da súa obra. É unha condición clasista que decide representarse con toda a descarnada crueldade da miseria, pero sen quedar encorada no retrato costumista, sempre dando unha alancada máis alá. A miseria no seu plano máis material, que os pobres do mundo sofren en carne viva. A miseria humana tamén nas súas manifestacións éticas daqueles que tenden a ocupar con fachenda as esferas superiores da vida social: a burguesía, unha clase media de arelas e presuncións ridículas, o clero, certas representacións da clase política, os donos das cousas, do mundo e das vidas.

       A agudeza de Roberto Vidal Bolaño déixanos unha manchea de grandes textos. Textos enormes cando son representados sobre un escenarios e cando son actualizados nese acto sublime da literatura, no enfrontamento entre o texto e o lector. Roberto soubo aplicar unha lente precisa sobre a realidade e proxectar unha mirada diferente. E esa ollada permítenos comprender un campo de visión que vai moito máis alá da tona que envolve como papel de agasallo a capa máis superficial e aparente da realidade. Ese ollar penetrante é talvez o que distingue os autores xeniais, os imprescindibles, que diría Bertolt Brecht, dos que simplemente son competentes escritores. E non é pouca cousa. Ademais, a obra de Vidal Bolaño convoca permanentemente os derrotados. Coma se con precisión intelectual evidenciase dramaticamente a exactitude daqueles versos de Ferrín, amigo e, sen dúbida, un dos autores que máis admirou: "En Compostela estamos moitos xa para sempre derrotados". Pero as derrotas dan vida e arman a revolta.

       En setembro cumprironse dez anos da desaparición física de Roberto Vidal Bolaño. Foise un 11 de setembro, como Salvador Allende. O ano 2013, a Real Academia Galega renderalle unha continua homenaxe ao lle dedicar o Día das Letras Galegas. Pero a RAG será soamente a locomotora dunha entrega multitudinaria de cariño e de admiración. A celebración merecida servirá para que a súa obra quede por sempre fixada no lugar que lle corresponde. Con ela segue vivo. Non o estrañaremos, porque os seus textos volverannos continuamente actualizados en cada reviravolta do camiño. Pero si que o seguiremos estrañando en cada manifestación cívica, en cada causa xusta, en cada espazo e en cada tempo que requira compromiso. Porque en cada praza, en cada rúa de Compostela, ao redor dos derrotados, como un máis, convencido de que o futuro é unha conquista, aparecía altivo, rexo, bondadoso e sempre entregado Roberto Vidal Bolaño. E esa dimensión humana, a do amigo, a do compañeiro, si que nos faltará sempre.

 Antón Dobao

 

Quen me dera ser Peter Brook

        Cando media isto de ser cómico, falar dun mesmo é case sempre ter que falar de moitos.

       Aínda que un non sempre se recoñeza en todos. Agora mesmo son oito ou nove a un tempo.

       Ese que nace no barrio de Vista Alegre na Compostela grisenta de 1950, tuse polas mañás, ten fillos en idade de mocear xa, e sobrevive ó abrigo dun sombreiro sen saberes case nunca que vai ser del o ano que vén.

       O Boal de La lengua de las Mariposas, o Veranio de Oé, Oé, Oé, o Charlie Ramos de Anxeliños e todos aqueles outros que ando axudar a crear, como director ou autor de teatro.

       É dificil saber quen se é, así, metido sempre no pelexo doutros. E doutros tan diferentes. Aínda que, mal que ben, o do sombreiro, algo vai sabendo ós poucos. Sabe, por exemplo, que non é Peter Brook. Sabíao xa, pero confirmouno aí atrás definitivamente. E non tanto porque ingnorase que o inglés é unha das cimas do teatro occidental da segunda metade do século i el non, como porque a Brook, en Compostela, veñen de facerlle dun cine un teatro i el, coma moitos outros, malia o solicitar insistentemente, segue sen conseguir máis de dous dias seguidos nalgúns dos xa existentes e que son de todos. Sabe tamén que non é un deses aos que lle importe máis irse deste mundo sen dirixir ou interpretar a Valle, que axudar a lexitimar unha prohibición absurda e dolorosa, que non só non comparte, senón que mesmo o incomoda. E pouco máis sabe.

       Os tipos así son tipos divididos, contradictorios, feitos de demasiados pedazos alleos. E uns non sempre concordan cos outros a hora de ver as cousas. Pásalle con todo. Mesmo coas súas xeografías vitais, dianta das que o do sombreiro, as máis das veces, non é un senón varios.

       Dous polo menos. Un deles adora Compostela. Tena andado de mil maneiras diferentes como individuo e como escritor. O outro empeza a estar farto dela. Da súa cativeza. Desa falta de fe en si mesma que, no cultural, está á coverter nun trinque de bisutería de luxo, ateigado de pezas de importación máis ou menos vistosas, mercadas a golpe de cheque e de pan para hoxe e fame para mañá. E véñenlle ganas de ser só de Vista Alegre, ou mesmo de Baio, onde pasou algún dos seus mellores veráns da infancia, na casa dun seu avó, porta con porta coa de Labarta Pose.

       O primeiro, malia todo, agradece habitar unha Compostela así. Disfrutar do privilexio de compartir cidadanía cuns poderers sensibles a isto da cultura e do espectáculo. Ao segundo, a tal "sensibilidade", parécelle unha impostura, unha falsía. Un xesto valeiro, feito máis para ocupar páxinas nos xornais que para arriquecernos coma país. A un emocionao ver no Millenium a tanto político e a tanta xentiña de ben, ávidos por achegarse a outros xeitos de expresión, a outras maneiras de ver o mundo. E ao outro entristéceo sabelos ignorantes do que se anda a cocer aquí ó lado e pregúntase onde está un semellante esforzo para que o mundo saiba como é que nós os vemos. E nisto, curiosamente, os dous que o do sombreiro son, coinciden plenamente. É un disparate. Un despropósito. Unha catedral de quitar e poñer, de cartón pedra.

       O certo é que nisto de saber quen se é, a realidade non sempre axuda. Aí atrás tiráronme unhas fotos. Cunha desas cámaras que disparan en longas ráfagas, coma ametralladoras. Era un holandés, ou un danés, nunca o cheguei saber. Andaba a colleitar caretos de composteláns para unha exposición que no 2000 vai andar polas capitais culturais europeas. É todo o que o do sombreiro sabe do que vai ter que ver con tan fausto acontecemento. E se cadra ten que ser así. El non é Peter Brook, quen lle dera. Pero a tal certeza, non o libra da dúbida de se ademais de non ser él, non será un capitel, unha gárgola, as Dúas Marías, ou un deses outros moitos ornamentos pintorescos que aínda engalanan a Compostela que quere. Sei de boa tinta que esa é unha dúbida que non o atormenta especialmente pero; concordarán comigo en que, preso de dúbidas así é moi dificil falar de un mesmo.

 Roberto Vidal Bolaño

(publicado en La Voz, 27/09/98)

Curriculum como autor, director, actor......

 Textos publicados

Laudamuco Señor de ningures. Ledaiñas pola morto do meco (1977).

Bailadela da Morte Ditosa (1992).

Agasallo de Sombras (1992).

Cochos (1992).

Días sen gloria (1993 e 94).

Saxo Tenor (1994).

Touporroutou da lúa e do sol (1996).

Saxo Tenor (Versión ao español do autor 1996).

Días sin gloria (Versión ao español do autor 1997).

A burla do Galo . Mar Revolto . Rastros (1998).

Criaturas . As actas escuras (1998,2005).

A ópera de a patacón (1998).

Doentes (1998).

Sen ir mais Lonxe ( 2002).

Integral (2002).

Anxeliños (2002).

Animaliños (2003).

Memoria de Mortos e Ausentes .

 Actor e director

Impulsor ou creador dos grupos: Teatro  Obradoiro, Teatro do Antroido, Obradoiro de aprendizaxe teatral Antroido, Teatro do Estaribel, Teatro do Aquí.

Participou co grupo Antroido nas montaxes:

Amor e crimes de Xan o Panteira. Eduardo Blanco Amor. Dirección e actor.

As falcatrúas do marqués de Patacón. Euloxio Rodriguez Ruibal. Dirección e actor.

1976. Laudamuco, señor de Ningures. Autoría propia. Actor.

1977. Xaxara, Paniogas, Tarelo, etc.. Autoría propia. Dirección e actor.

1982. Touporroutou da lúa e do sol. Autoría propia. Dirección e actor.

1983. Romance dos figos de ouro. Autoría propia. Dirección e actor

1984. Percival. Xosé Luis Mendez Ferrin. Dirección e actor.

Caprice des Deux. Autoría propia. Dirección e actor.

Con Teatro do Aquí:

1993. Saxo Tenor. Autoría propia. Dirección./

1993. Días sen gloria. Autoría propia. Actor./

1994. A ópera de a patacón. Autoría propia/ textos de John Gay e Bertold Brecht). Dirección./

1994. Touporroutou da lúa e do sol . Autoría propia. Dirección./

1995. O desengano do prioiro. Ramón Otero Pedrayo. Dirección e actor/

1995. Oé, oé, oé. Maxi Rodriguez. Dirección e actor./

1996. Anxeliños. Autoría propia. Dirección e actor/

1997 Rastros. Autoría propia. Dirección./

1998. Doentes. Autoría propia. Dirección./

1999. Sen ir máis lonxe. Autoría propia. Actor./

2000. Criaturas. Autoría propia. Dirección e actor./

2000. Os Papalagui. Autoría propia a partir dos discursos de Tuavii de Tiavea.Dirección e actor.

2002. Animaliños. Autoría propia. Dirección.

Con outras compañías:

Obradoiro de aprendizaxe teatral Antroido.

 1980. Memoria de mortos e ausentes. Autoría propia. Dirección.

Teatro do Estaribel.

1981. Bailadela da Morte Ditosa . Autoria propia. Actor.

CDG. 1984. Agasallo de sombras. Autoría propia.Dirección.

CDG. 1988. Espectros. Ramón Otero Pedrayo. Actor.

Teatro do Atlántico. 1989. Liberdade bremana. R.W.Fassbinder. Actor.

CDG. 1989. Salomé. Oscar Wilde/Chévere. Co dirección con John Eastman.

CDG. 1991. A casa dos afogados. M. A. Fernán Vello. Actor.

CDG. 1999. Xelmirez ou a gloria de Compostela. Daniel Cortezón. Dramaturxia e dirección.

CDG. 2001. Rosalía. Ramón Otero Pedrayo. Dramaturxia e dirección.

 Audiovisual

2000 Un mundo de historias Teleserie. Dir. Antón Dobao. Actor e guionista.

2000. Mareas Vivas. Serie. Actor en 6 episodios.

1999 A lingua das bolboretas. Longametraxe. Dir. José Luis Cuerda. Actor.

1999 Amor serrano. Curtametraxe. Dir. Luis Liste. Actor.

1997 A noiva da medianoite. Longametraxe. Dir. Antonio Fco. Simón. Actor.

1993. O camiño de Santiago. Documental TVG/TVE. Actor-presentador.

1992 Un café de ollos verdes. Mediametraxe. Dir. Antonio Simón. Actor.

1991 La fuente de la edad. Longametraxe. Dir. Julio Sanchez Valdés. Actor.

1991 Memorias dun parado. Curtametraxe. Dir. Antonio Fco. Simón. Actor.

1991 O resplandor da morte. Curtametraxe. Dir. Milagros Bará. Actor..

1990 Morosos varios. Capítulo piloto para teleserie. Dircción, guión..

1989 Sempre Xonxa. Longametraxe. Dir. Chano Piñeiro. Actor.

1989 Os outros feirantes. Teleserie. Dir. Antón Dobao. Actor.

1989 Brigada central. Teleserie. Dir. Pedro Masó. Actor.

1987 Novo de Parmuide. Mediametraxe. Dirección e guión.

1984 Malos tratos. Docudrama para TVE en Galicia.Dirección, guión, actor.

Roberto Vidal Bolaño foi membro do Equipo Lupa, grupo de cine aficcionado formado dentro da Asociación Cultural O Galo no 1971 por Euloxio Ruibal e Félix Casado.

Dentro deste equipo participou en:

1972 Holocausto. Ficción. Axudante dirección e actor.

1972 A procesión das mortallas. Documental. Producción..

1973 Inqueda volta. Ficción. Co-productor e co-realizador.

1973 Berros na cova. Ficción. Producción, axudante de dirección.

1974 Peliqueiros. Documental sobre o Entroido de Laza. Producción.

1974 Antroido do Ulla. Documental. Realización.

1974 O día que os chínfanos deixaron de zoar. Ficción. Guión e dirección.

 Premios e mencións

Premio Abrente-1976 (Laudamuco Señor de Ningures).Mención honorífica III Concurso Teatro Infantil "O Facho"

Mención Honorífica Premio Abrente 1978 (Memorias de Mortos e de Ausentes)

Premio Abrente 1980 (Bailadela da Morte Ditosa)

Mención Honorífica V concurso Teatro Infantil "O Facho" (Ruada das Papas e do unto)

Medalla de ouro Cidade de Valladolid ao mellor texto de autor español vivo da tempada 1983-84 (Percival)

Premio Alvaro Cunqueiro 1991 (Saxo Tenor)

Premio Compostela 1992 (Saxo Tenor)

Premio Rafael Dieste 1992 (Días sen gloria)

Finalista do Nacional de Literatura 1992  (Días sen Gloria)

Premio Compostela 1993  (Días sen gloria)

Premio "Camiño de Santiago" 1994  (As actas escuras)

Finalista do Tirso de Molina 1995 (Requien. Versión ao español de Doentes)

Premio Rafael Dieste 1997  (Doentes)

Premio Xiria 1997  (Ao labor teatral)

 Premio María Casares 1998  (Anxeliños)

Premio María Casares 1999  (Rastros)

Premio Eixo Atlántico 

Premio Max 2001

Premio Maria Casares 2000 (Criaturas)

Premio da Federación de Libreiro de Galicia 2002

Premio Maria Casares 2003 (Animaliños)

Roberto Vidal Bolaño foi nomeado Membro Honorífico da Real Academia Galega da Lingua a Título Póstumo.

Cunca das Artes 2009 da Asociación da Amizade e das artes galego/portuguesa , a Título Póstumo.

 ( “Textos publicados no tríptico da homenaxe “Roberto Vidal Bolaño, un home do aquí”, celebrado no Salón Teatro de Santiago en outubro de 2012”.)

 

 

             ROBERTO VIDAL BOLAÑO

            Tiven o previlexio de ser amigo de Roberto. Vinte anos de admiración  a un home misterioso, sorprendente e xenial.

            Falar de Roberto é asocialo ao mundo do teatro, como autor, actor director; como se tivese un compromiso de por vida neste universo onde tiña hopotecada a súa mente.  

        A finais dos oitenta e principios do noventa foi cando Roberto estivo máis involucrado no audiovisual en Galicia. Deixa Galaxia onde estaba contratado como director artístico, sendo contratado pola produtora Olimpus Comunicación, que daquela tiña a sede na rúa do Hórreo en Santiago de Compostela. Esta produtora foi creada no ano 1989 estando esu implicado como socio e director de produción. Non me custou moito traballo convencer aos meus dous socios para que Roberto fora o creador e guionista dos nosos proxectos audiovisuais. Xa coñecía ben a Roberto, porque traballaramos xuntos en Galaxia comunicación, e sabía da súa capacidade de traballo e o ben que se desenvolvía nun medio no que el controlaba todo. Púxose mans á obra e en pouco tempo sae Morosos varios, un piloto para unha serie de televisión, que se presentou con moi boa prensa., pero que non se chegou a emitir, por iso de que, daquela as telenovelas ocupaban as parrillas televisivas.

            Aínda que onde mellor se desenvolvía era na creación de ficción con actores, Roberto cumpriu con nenerosidade e chegou a realizar vídeos industriais, “spots” para T.V.G., proxectos documentais. Percorre todos os campos da comunicación coa xenielidade  que o caracterizaba.

            No audiovisual Roberto disfrutaba, disfrutaba desenrolando localizacións, dirixindo, realizando e sobre todo na mesa de montaxe, onde pasaba horas envolto nese fume traidor, que máis adiante acabaría con el.

            Pero o destino de Roberto, por suposto, non era o audiovisual, e cónstame que un bo amigo de sempre lle aconsellou que deixara esas coñas, e que adicara ao seu: o teatro…  

Deixa Olimpus, e a súa mente céntrase exclusivamente no teatro. Vive intensamente a última etapa da súa vida para morrer en escena.

            Quero concluír dicindo que cando me encargaron que escribise sobre Robeerto no audiovisual pensei: pódese imprimir a revista enteira con este titular.

            Roberto, confiou en min como actor para os seus proxectos e aprendín moito ao seu lado. Como amigo durante moitos anos, podería encher cantidade de folios, pero decidín simplificar ao máximo a experiencia de Roberto no audiovisual galego, porque Galicia ten que lembrar a Roberto Vidal Bolaño como un dos seus mellores dramaturgos desta terra.

                                                                       Andrés “Pancho” Martínez

                                   Revista Galega de Teatro, Inverno 2002-Primavera 2003 nº 33-34

www.revistagalegateatro.com

 

BailadELAS. MULLERES BOLAÑESAS

Bailadela da Morte Ditosa, Saxo Tenor, Touporroutou da lúa e do sol, Criaturas....

Teatro Antroido

de Roi Vidal sobre textos de Roberto Vidal Bolaño, con Laura Ponte

   

    

DÍAS SEN GLORIA 

Centro Dramático Galego