AÍ VÉN O COCON...

        

 

 

01 O APALDADOR

  

       O Apalpador é un personaxe mítico galego que baixa polo Nadal a levarlles os agasallos aos nenos e nenas. Entra de noite nos seus cuartos cando están durmidos e apálpalles a barriguiña por ver se están mantidos e déixalles, ademais dos xoguetes, unha presa de castañas.

        O vello Apalpador, ou Pandegueiro/Pandigueiro como se lle chama en partes do oriente ourensán, é unha figura lendaria galega que achega os agasallos aos nenos polas datas de nadal. Este xigante, de oficio carboeiro, baixaba das devesas e apalpaba as barriguiñas dos cativos. Se estaban cheas dicía: «así, así esteas todo o ano» e deixáballes unha presa de castañas. Senón calaba, pero deixáballes tamén as castañas.

        O investigador José André Lôpez Gonçâlves di  que o Apalpador é un xigante, carboeiro que mora nas devesas, que usa boina, casaco esfarrapado e remendado, fuma en pipa, que se alimenta de bagas e xabarís.O día 31 de decembro baixa da montaña e visita os nenos, despois de quedaren durmidos. Entón apálpalles a barriga por ver se están cheos ou se teñen fame.
       Miguel Losada fala do  Pandigueiro, personaxe que na Terra de Trives acudía aos leitos dos nenos que se tiveran que deitar na Noite de Nadal co ventre baleiro.
Segundo esta información os nenos tiñan que pedirlle leitiña con purgazos (castañas secas, cocidas) ao Pandigueiro por medio dun retrouso e este baixaba da Serra da Cabeza Grande coas castañas e, ademais, podía levar xoguetes tallados en madeira cocida de amieiro. O Apalpador non é amigo dos centros comerciais, nin das multinacionais e prefire os presentes feitos a mao, con materiais reciclados ou adquiridos no comercio local.

María Fernández Insua

 

02 AS AUREANAS

       As Aureanas son unhas meigas de aspecto novo que habitan nos ríos e lagos. Conta a lenda que quen se te atope  con elas vai ter boa sorte.

       Nas ribeiras do Sil as aureanas ou  sildouras serían as ninfas ou seres marabillosos das augas do Sil que os deuses enviaban aos homes das beiras para favorecelos, para protexelos ou como anxos tutelares.

       Tamén hai un concepto máis real; nas ribeiras do río Sil antes buscábanse e atopábanse  pebidas de ouro, as mulleres encargadas de lavar a terra para separar as pebidas coñecíanse  como  Oreanas/ Aureanas ou Sildouras.

Iria Alcalde Sobradelo

0

3 ALICORNIO/AURICORNIO (UNICORNIO)

       Ten forma de cabalo branco cun corno grande de color crema na fronte. A medida que estes seres van medrando o corno medra con eles. Este corno ten propiedades máxicas e curativas. Se un alicorno toca a un enfermo co corno, este cura ó instante. Se toca a unha persoa sa dálle boa ventura.
Os cornos metidos en estoxos de prata cun colgante para penduralos úsanse contra o mal de ollo e o meigallo ou as dores de parto. As raspaduras de corno en leite dánselle a beber ó doente, tamén se fan os aneis de alicorno de prata cun engaste no que vai o po. Adoita levarse no dedo anular porque así da sorte.
       Os alicornos están a punto de extinguirse, nestes tempos é máis difícil ver un alicorno que antes, por iso non se deben matar. Aínda que hai xente que o fai porque ó beber o sangue prateado deste animal adquírense varios anos máis de vida.

Alicia Fernández Insua.

 

 

04 AVELAÍÑA

       Bolboreta nocturna que pode ser unha alma/ánima que  rolda as luces acesas do fogar.

       Pódenos traer mensaxes e novas que debemos descifrar. Segundo a cor,  cambian os presaxios:
               -Brancas: Boas novas. Como por exemplo a chegada dunha carta dun ser moi querido.
               -Negras: Tristes acontecementos. Como por exemplo a morte dalgunha persoa querida.
       Unha avelaíña entrou nunha casa, déronlle cun trapo e estoupou en fume. Viron un corvo que marchaba dando grandes berros. Isto era porque a avelaíña era negra, e traía un mal presaxio. A presenza do corvo daba a entender que algún membro dese fogar ía morrer axiña

Ana Carou Varela

 

05 BIOSBARDOS  

 

       Os biosbardos son unha figura mitolóxica existente en Galicia e coa que se gastan bastantes bromas. Tamén se chaman  cocerellos, cozorellos,  gazafellos e cazarellos.

       Moitas veces hai xente que invita a buscar biosbardos, normalmente pola noite que é realmente cando saen. Cazar biosbardos, sen matalos, é apaixonante. Son dende logo moi esquivos e á primeira de cambio poden ata mexar por nós.

       O tamaño hai de todo dende o tamaño dun pequeno coello ata o tamaño de medio dedo. Hai xente que di que voan, ou sexa que son paxaros.

       Un método bo é ir pola noite e levar un saco, para meter os biosbardos,  e un pau co que se vai golpeando a maleza e o chan. Cando sae o biosbardo o que hai que facer é metelo no saco. Convén ir con xente que coñeza o lugar e que estivera en contacto anteriormente con eles.

        Vaise a un río calquera, mellor un regato ou un río pequeno, en Rianxo ó río Grande no Araño, os biosbardos gustan moito de xogar onde o río ten pasais ou poldras. Para velos e cazalos  hai que ir pola noite, mellor de lúa chea xa que se non haberá que levar unha lanterna

Laura Conde Iglesias

 

 06 O BOLIMARTE

        O Bolimarte é algo así como unha salamanquesa; outros din que o que semella é un alacrán. Ten crista roxa, coma de galo, na cabeza. Medirá unha media cuarta e o máis do seu corpo é rabo. Pon un ovo cada sete anos, e precisamente no niño do moucho; os ovos de moucho son brancos e o do Bolimarte é mouro, pero o moucho non se decata. Cando o Bolimarte nace o primeiro que fai é xantar as crías do moucho.

        O Bolimarte vese poucas veces, pero cando se ve é porque vai haber unha eclipse de sol. O Bolimarte tenlle medo ás fin do mundo e nas ocasións bótase a procura da campaña do home. Para que un home o reciba na casa en véspera do eclipse total de sol, o Bolimarte dá calquera cousa, é dicir dá ouro ou di onde o hai. Recibido na casa, hai que alimentalo ben: dous pitos por día. Abonda con desplumalos que os come crus. Un amigo qué me conta do Bolimarte, dime que sabe más dunha familia, que se fixo rica dando de comer o Bolimarte, e cama cando ten medo. O Bolimarte por enriba do corpo trae unha camiseta, entre a camiseta e o corpo, ouro en fío, este dállo a quen o serve, pero non hai que tocar o fío de ouro deica unha hora que queima.E como di que hai ouro o Bolimarte? Moi ben! Brinca unha fiestra e desde alí cospe forte, como unha tira-bolas de estopa, onde cae o cuspe fai un pouquiño de lume. Cando chegas co ouro, o Bolimarte ponse nas patas traseiras, e asubía.

  Francisco Hernández Varela. Sacado de  "Escola de menciñeiros" de A.Cunqueiro.

 

07 O BUSGOSO

        O Busgoso é o señor do bosque e de todo o que habita nel. É inimigo encarnizado dos leñadores e cazadores, aos que trata de espantar ou extraviar se se internan na súa zona ou mesmo persígueos, facendo que se tiren  polos  acantilados. Tamén rapta as mulleres das aldeas para levalas á súa cova para gozar delas. Non lle importa que o persigan pois non pode ser alcanzado.Vive no máis profundo do bosque e en covas. É un home cuberto por espesas cabeleiras con patas e cornos de cabra. Algúns contan telo visto con sombreiro de follas e traxe de mofo verde.

  Francisco Hernández Varela

08 O CAN DO URCO

        O can do Urco ou can do Mar é unha figura mitolóxica galega. Trátase dun animal fantástico que adoita  presentar a forma dun enorme can negro ou branco con cornos e orellas longas que sae do mar arrastrando cadeas.

        En Rianxo sae do mar e fai un percorrido polo pobo ladrando e facendo que os demais cans o sigan  e se metan con el na auga en Setefogas, polo que os pobres animais  morren.

        En Pontevedra, a lenda do Urco incluíuse entre as celebracións do Entroido. Segundo Antón Fraguas, a partir de 1876 comezou a honrarse este monstro, baixo a forma dun enorme e feroz can capaz de tragarse dunha soa dentada vinte sacos de" calderilla" coa mesma facilidade coa que un burro  traga dous grans de cebada.

        Segundo conta a mitoloxía popular este animal habitaría no  Borrón, un lugar neboento e tebroso pertencente ao "Outro Mundo", de aí a comparación que ás veces se fai entre el e o Cérbero, o gardián do inferno.

Amanda Mariño Rial

 

O CAN DO URCO 

   

         A súa presenza, como a de moitas outras figuras fantásticas semellantes, é considerada un mal agoiro, anunciador da morte.

         Moitos pensan   que o Can do Urco ou o Can do Demo non existe , pero está  meu tío para negalo. Un día de néboa,  pola mañá,  meu tío estaba pescando cun compañeiro seu.  Ao lonxe  viron unha figura dun can e dixo meu tío: <<o Can do Urco!>>.  <<Non digas parvadas>>, díxolle o compañeiro. Ao día seguinte a nai do compañeiro morrera.

 María Domínguez Picón

09 O CARBUNCO / CARBUNCLO

        Os carbuncos ou carbunclos son cuadrúpedos do tamaño dun gato grande ou dun raposo que posúen  unha costra protectora e teñen na cabeza unha luz que acenden e apagan  á súa vontade.  A súa cova está onde hai minerais coma o ouro para gardar deles.

        Parece ser que había moitos na Limia, pois esta, antes de quedar asolagada, era montañosa e alí había moitos minerais.

Francisco Hernández Varela

 

10 O CARCAMÁN

       Os carcamáns son una raza de piratas míticos da Illa de Arousa. Asasinos sen escrúpulos, facían as súas correrías pola illa, saqueando a quen por alí pasase

11 O CHUCHASANGUE

        Nas noites de inverno agóchase nos recantos escuros que abeiran os camiños e as rúas por onde regresan os nenos da escola. Ó que collen mátano e chúchanlle o sangue. Adoitan levar os cadáveres das vítimas para a súa casa e amoréanos debaixo da cama. Hai vampiros que intentan deixar de comer humanos e chúchanlle o sangue ós animais, como por exemplo ás vacas.

 

 

 

 

        Os e as  Chuchasangues adoitan ter unha aparencia agradable para atraer ás súas presas. Son moi belos/as  ós ollos humanos; son a perfección absoluta polo que lles é moi fácil "conquistar" ás súas vítimas que se senten atraídas pola súa beleza .  tamén  hai algúns e algunha que son moi feos/as  para asustar as súas vítimas e paralizalas co medo que nelas producen.

 

Francisco Hernández Varela

12 COCA

        A Coca ou Tarasca é un ser da mitoloxía galega que vive nas augas do mar ou dos ríos. É un animal monstruoso con corpo de dragón e cola de serpe, e do lombo nácenlle dúas enormes ás, semellantes ás dos morcegos. Ten catro patas armadas de fortes gadoupas, e na súa faciana aluman uns ollos terribles, sobre unha enorme boca con agudos dentes.

Diego Fernández Dieste

 

COCA DE REDONDELA 

      

        A tradición di que se presentou un día en Redondela. Xurdiu das ondas do mar, que estaba moi embravecido, e nun veloz ataque devorou a dúas raparigas que xogaban na praia da vila. Repetiu moitas veces o seu ataque, levando sempre as máis fermosas cativas. Os veciños de Redondela escolleron en asemblea os vinte e catro homes máis fortes e destemidos, coa encomenda de atacar a tarasca na súa próxima aparición. A campá da igrexa deu o aviso da chegada do monstro e os elixidos acosárona e déronlle morte coas súas espadas.

       Desta vitoria veñen a danza das espadas, na que os home bailan arredor da coca e o baile das penlas, nas que as mozas bailan coas rapazas máis novas bos ombreiros.

Diego Fernández Dieste & Aida Barros Ces

13 COCÓN

         Segundo  a miña avoa  non se sabía moi ben o que era. Podía adoitar varias formas. Tan só se ve  de noite, pois polo día anda sempre agochado.

         As persoas maiores dinlle aos rapaces para meterlles medo: Aí vén o Cocón!.

        Así conseguen que non saian sós de noite ou que non fagan trasnadas

Amanda Mariño Rial

14 CODÍN

        Un cántico infantil falaba destes seres diminutos: «De Codín e de Codán, e da cabra cordobán. E barquilleiro, barquilleiro cantos dedos hai no medio?». Esta canción foi recollida por Marcial Valladares, pero foi Manuel Murguía o que os describiu coma seres pequeniños, do tamaño do cóbado

        

 

 

15 A SANTA COMPAÑA

        Os defuntos de cada parroquia érguense da tumba, entran na igrexa, collen o que precisan (candeas, cruces, auga bendita, etc.) e póñense a andar polos camiños. Andan sempre descalzos e teñen as mans moi frías.

        Sábese que saen de noite pero non exactamente a que hora nin cando.

        Van andando en dúas ringleiras e os integrantes van envoltos nun sudario branco e descalzos. Levan unha candea, unha cruz, un caldeiro de auga bendita e unha campaíña que cando pasan cerca de nós, esta campá soa.

16 O CORVO BRANCO

        O corvo branco  pénsase que é a aparición dunha ánima en forma de corvo, tal como contou Cunqueiro: “ Hai xente que dice que  o corvo non era tal corvo, senón un tal Pousada, de Xerdiz, prestamista… A xente do país comenzóu a decatarse de que o corvo branco víase acarón das casas dos que lle debían cartos á Pousada”.

17 0S DEMANCHIÑOS

        Trasgos /Trasnos pequeniños que poden traballar para as persoas se os levan ben  pechados en caixiñas ou botellas. As bruxas recóllenos  polo san Xoán, nun rito no que se  estende un pano branco encima duns fentos. O que os acade terá sorte, forza e poder. Algunhas tradicións  creen na posibilidade de meter os demanchiños  nos corpos das persoas, ben mesturados coa comida, bebida ou doutras formas parecidas

18 DEMO RUMUDO

 

        Demo rumudo: Adopta forma de carneiro e aparecéselles aos que andan sós pola noite ou polo monte. O carneiro (para dar máis mágoa pode ser un año pequeno e desvalido)  deixase coller e agarimar. A vítima colle o carneiro e lévao a casa, nese momento, o demo búrlase del, tal como lles pasou a tres mozas de Corques, Taragoña (Rianxo) que recolleron un cordeiro molladiño no monte e trouxérono para a súa casa onde o secaron e  peitearon e logo escapoulles pola cheminea dicindo:  "jujurujú, tres mozas de Corques bicáronme o cu".

 Isabel Otero Mosquera

19 DIAÑO BULREIRO

 

         É un diaño que o pasa moi ben burlándose da xente. Dedícase a atemorizar á xente e a gastarlles bromas pesadas aos despistados. Para iso adoita diferentes personalidades, é un gran transformista.  Normalmente aparece coma un home traxado montado nun cabalo, só de cabalo, de  burra branca de carneiro ou en forma de besta. Non esta considerado perigoso, incluso hai xente que di que non ten malas intencións e que dá bos consellos e que só fai as cousas por rirse, mais se se di na súa presenza un nome santo, desaparece no medio dun grande estrondo.

ALICIA FERNÁNDEZ INSUA

 

21 FADA BOA

        As fadas existen dende que o home existe, foron creadas con eles, e as lendas que falan delas proveñen de anos atrás.
        As fadas son as amorosas compañeiras dos amantes, poetas, músicos, artistas, escultores, escritores e toda persoa relacionada coa arte; denominan a súa inspiración, que son as fadas, Musas, que se presentan a miúdo amables, amorosas, esquivas, invisibles, caprichosas ou sensitivas. Estas son as súas principais características.
        O home nunca puido resultar alleos ós seus encantos, por iso búscaas incansablemente e recordas transmitíndoas de xeración en xeración. Para os humanos, as fadas viven nun mundo único e especial no que sempre é primavera, e as cores brillan con máis intensidade, onde o amor se respira unido ó perfume das flores. Pero as fadas viven entre os artistas non no mundo que todos creen que viven.

 María Fernández Insua

22 FADA DA AUGA

        Fisicamente as fadas son seres diminutos. Teñen ás nas costas, con forma de ás de bolboreta. Levan traxes feitos con follas de árbores e flores silvestres. Cando voan non podemos velas, só vemos unha luz que se move, por iso moitas veces confúndense cos vagalumes.

        Segundo o lugar onde viven, podemos encontrar diversos tipos de fadas:

        As fadas da auga poden atoparse en calquera  lugar onde este elemento está en liberdade e puro, por exemplo en ríos, fervenzas, fontes, lagoas, etc.

             As fadas que habitan en ríos e covas, chámanse xeralmente Lamias; as que sucan os mares son as Sereas ou Nereidas, as fadas que viven nas fontes son as Ninfas.

                Sintayehu Tubío Rodríguez

23 FADA DO LUME

 

        Se maltratamos ás fadas  tórnanse malvadas e usan o seu poder para o mal como antes o usaban para o ben. Son vingativas, non teñen clemencia, cegas e implacables co destino.

        Ó transformarse en seres malignos cambia o seu aspecto: Parece que no inferno non hai só demos,  tamén  existen lindas fadas...mais moi malvadas!

        Poden dominar o lume e empregalo para facer todo tipo de falcatruadas, mesmamente poden queimar  todo o que se lles poña por diante...

Sintayehu Tubío Rodríguez

24 FADA DO VENTO

 

        É a  fada  que rexe os  ventos  e as tempestades de neve. Ela é considerada raíña  do  outono, pois só aparece nesta fase  do  ano.         Responsable de tirar as follas secas das árbores. Son as mensaxeiras da alma, representando a liberdade espiritual, cando son boas,  senón… poden ser responsables de moitas outras caídas e non precisamente de follas: árbores, casas, barcos etc.

        Tamén as tempestades de neve poden ser boas: reservorios de auga, manto de beleza... ou pola contra poden ser moi perigosas, tanto para a vida dos homes como para a dos animais.

JENNIFER RIOBÓ ABUÍN

25 FEITICEIRA

 

        Son bruxas que viven cerca dos ríos e regatos, aínda que vellas, o seu  aspecto non repele, teñen  unha voz moi doce e cos seus cantos hipnotizan ós mozos que se acercan ó río e fan que se vaian metendo no río, onde afogarán.
        Din que nun punto sen determinar con exactitude do río Sil, viven feiticeiras. Atraen ós mozos e sedúcenos coa súa voz. Quedan atrapados polo seu doce son e afogan e desaparecen no fondo do río para sempre. Hai unha maneira de evitar o encantamento: cruzar o río cunha pedra na boca. Así os mozos non poden falar e, se gardan silencio, o encantamento non se produce e poden chegar felizmente a outra beira.

IRIA ALCALDE SOBRADELO.

 

27 HOME DAS BUBAS

      

  Home das Bubas, personaxe inofensivo creado por la fantasía galega feminina, que o crían un fauno tratando de sorprender as pastoras mozas que coidaban o ganado;acostumaba presentarse a altas horas da noite nos tellados  dos muíños, e andaba sempre errante, nómade  e  vagabundo. O seu obxecto principal era sorprender ás mulleres novas e correr tras elas ata cansalas. As que supoñían telo visto aseguraban que ía ben traxado, con camisa branca e bastón groso, contentándose con miralas e  perseguilas, pero sen facerlles o  menor dano.

         O segundo  tipo de “Home das Bubas” sería un home de aspecto repugnante, especializado en perseguir as mulleres que andan coas vacas ou coa facenda soas polo monte. As súas intencións  xa serían máis perversas: “Homes das bubas que quentes andades detrás das mulleres”.

ANA CAROU VARELA

28 HOME MISTERIOSO

 

Home que viste pantalón marrón, chaqueta negra e camisa branca, e que soe andar á par da xente polos camiños. Foi avistado pola parte de Moaña.

Que quere?.

É un misterio...

  LAURA CONDE IGLESIAS

29 HOME DO SACO

        Falouse moito del durante a primeira guerra mundial, e despois, coincidindo coas guerras, que sempre traen cousas malas. A miúdo os pais cando os infantes non os obedecían ameazábanos co home do saco, pero en realidade a rebeldía dos pequenos non era a razón pola que o home do saco os levaba con el.

        Sae sempre de noite. Ten figura de home, alto forte, fusco, esfarrapado, que leva ó lombo un saco disposto para meter nel os nenos que consegue atrapar, ós cales logo obriga a facer maldades. Se os cativos non lle obedecen o home do saco asasínaos.

   DIANA POUSO ROMAY.

30 INCUBO

 

        Seres malignos (demos) que, adoptando  corpo e oficio de varón moi ben portado, participan carnalmente coas mulleres, segundo conta Rábade Paredes (Branca de Loboso). Parece que visitaban  ás mulleres en soños, e despois de seducilas, tiñan relacións sexuais  con elas tamén en soños.  A vítima do Íncubo podía quedar embarazada, o fillo medrará como un humano normal, só que desenrolando habilidades máxicas. Ao crecer, o neno  poderá converterse nun poderoso  Feiticeiro ou nun ser de gran maldade.

        Unha lenda di que Merlín era o produto da unión dun Íncubo cunha monxa.

        A demoñoloxía  di que o Íncubo e o Súcubo son anxos caídos.

FRANCISCO HERNÁNDEZ VARELA

31 LAVANDEIRAS DA NOITE

 

        As lavandeiras son mulleres vellas, de baixa estatura, de rostro seco e engurrado, que viven nas fontes. Acostúmanse a ver, xeralmente de noite, lavando. Se alguén pasa, convídano a torcer a roupa. Se o camiñante acepta, ten que procurar non torcer no mesmo sentido ca elas, pois, se o fai, as desgrazas sucederanse e mesmo pode morrer. A roupa que lavan está manchada de sangue que nunca se vai. Crese que son espíritos de mulleres mortas no parto, das que abortaron, nais de nenos mortos sen bautizar ou ánimas de mulleres que atentaron contra a vida dos nenos. Velas é de mal agoiro.

 ALICIA FERNÁNDEZ INSUA

32 LEBROCÁN

 

Di Darío Xohán Cabana que o seu nome científico é  canis leporinus dubius. Só se teñen visto na metade oriental de Galicia; nas terras altas do Caurel chámanlles lebrecais.  O lebrocán ten na súa vida cotiá un terrible conflito: nunca sabe se ten que correr diante de si mesmo como lebre que foxe do can, ou se, polo contrario, ten que correr detrás  de si mesma como can que persegue a lebre. Por iso anda sempre coma en círculos...

UXÍA RIAL BREA

33 LOBISHOME

  

        É un home ou unha muller que se pode transformar en lobo. O seu aspecto é o dun ser ameazante, metade animal metade home con pernas e brazos longos, abundante pelo e enormes e prateadas garras. Poden andar a catro patas ou a dúas. Os seus ollos cambian de cor dependendo do lugar onde se atope.

         Cando o lobishome se transforma no lobo, perde a razón e comete actos en contra da súa vontade.

        Nalgúns casos é sempre lobo mentres dura o feitizo. Noutros ás veces é lobo e ás veces é persoa. E noutros de día é humano e de noite é lobo.

NURIA DOMÍNGUEZ GALBÁN

        Cando unha persoa sente desexos de tombarse na terra e refregarse nela é que está comezando o proceso de transformación e que dentro de pouco será un lobo. A persoa que sente isto vai pola media noite a un despoboado onde fixeran cama algúns lobos e envórcase alí.

        O lobishome é moito máis listo que un lobo real, ás veces dirixe a estes mamíferos. Cando un lobishome é un lobo non hai ningunha arma que o poda matar. Para liberarse desta maldición alguén ten que facerlle sangue cunha aguillada de acivro bendicida na igrexa o Domingo de Ramos.

 MARÍA FERNÁNDEZ INSUA.

34 LUBRICAN

 

        A palabra procede do latín ( lupus-lupi, can-canis). Un can confundido cun lobo ou un lobo confundido cun can. Para dicilo ben:  a hora en que o can se confunde co lobo. Dura dependendo  da timidez da lúa. O lubricán é un erro confundilo co atardecer, o ocaso, o crepúsculo, ou como queiran chamalo os poetas.

MARÍA DOMÍNGUEZ PICÓN

 

35 LUMIA

   

LUMIA

        Malas fadas ou seres perversos da natureza . Teñen rostro de muller aínda que ás veces aparecen con patas de cabra ou con atributos propios das serpes ou dos dragóns. Poden vivir ao loado das fontes, das correntes de auga ou en covas.

        As Lumias poden  chupar o sangue dos nenos e nenas tal como fan as “zugotas”. Tamén poden ser a causa de moitos outros males para as persoas ás que se lles aparezan polas noites en forma de  fermosas mozas ( moi luxuriosas)  que están lavando a roupa ou peiteándose mentres esperan pola vítima.

 GABRIEL EIRAS.

36 MARIAMANTA

 

        É unha anciá fea e encurvada que leva no lombo un saco e vai pedindo esmola. É conveniente cumprirlle o desexo, porque se trata da tía do saco, esta muller rouba nenos e fainos desaparecer. Crese que a Marimanta veu de moi lonxe, seguramente vía marítima na época dos celtas. Ó menor descoido, mete un neno no saco e vaise. Se a vemos e o saco vai avultado, debemos detela e zarandéala ata que solte a súa vítima; se non facemos isto, nunca máis volveremos a vela. Aínda ninguén sabe onde leva aos seus secuestrados.

 DIEGO FERNÁNDEZ DIESTE

37 MARUXAINA

 

        Uns din que A Maruxaina era unha serea da Mariña de Lugo, e que os mariñeiros atraídos polos seus cantos melodiosos ou polos seus berros sufrían constantes naufraxios naquelas costas, especialmente nos cantís dos Farallóns.
Outros opinan que A Maruxaina é unha serea, nereida ou Afogada que berra para avisar ós mariñeiros dun posible naufraxio. É metade peixe e metade muller. Vive na Cova de Xan Bello, nas illas do Farallón, baixo o illote da Sombriza. Estes considérana unha protectora dos mariñeiros, que pasa o tempo fiando e cando vai mal tempo sobe a un penedo e desde alí ponse a berrar ou tocar o corno para dar aviso de que non se debe saír ó mar. É unha representación do mito antitética.

 FRANCISCO HERNÁNDEZ VARELA

38 MEIGA CHUCHONA

 

        É a peor das meigas,  unha bruxa nocturna, que entra nas casas pola noite e chúpalle o sangue á xente, sobre todo aos nenos ou nenas. Estas persoas morren porque quedan chuchadas e esmirradas e sen cara onde se persignar. Chupan o sangue das crianzas por carraxe cara as nais ou por instinto de maldade. Tamén lles sacan o unto para facer as súas apócemas.

 GABRIEL EIRAS

39 MEIGA DOS DENTES VERDES

 

        A meiga dos dentes verdes é unha bruxa coma calquera outra coa particularidade de que ten os dentes verdes e rouba nenos para facer con eles filtros e unturas e tamén  para comelos.

        No castro de Rebordelos, concello de Carballo (A Coruña), vive unha meiga cos dentes verdes que se dedica a andar de noite polas corredoiras na procura de rapaces. Os que colle xa non se volven ver máis. Suponse que lle serven para as súas comenencias: apócemas, filtros e unturas, ou para comelos.

 ISABEL OTERO MOSQUERA

40 MENIÑEIRO

 

        Trasnos invisibles para as persoas maiores, seguramente porque son moi pequenos, que teñen por misión principal facer sorrir aos bebés aínda que non teñan  ningún motivo. A xente  di cando un bebé ri: Seica anda por aquí o meniñeiro.

 DAVID GALBÁN CES

 

41  MOURAS

        Secuestradas polos mouros vivían nas costas de Galicia, en castros, castelos, pozos, etc. Pero sempre baixo a auga ou a terra onde gardan valiosísimos tesouros. Reciben moitos nomes (madamas, donas, encantos, fadas, etc.). Son mulleres belísimas (cabelo roxo, pel  branca, meixelas avermelladas...) e encantadas, as cales, teñen grandes capacidades para o baile e a composición e interpretación de cancións. Se un home as ve, é seducido por elas, e a única forma de que ela tamén se namore deste humano, é rompendo o encantamento que pesa sobre a moura, bicándoa ou facendo o ritual que ela lle indique. Se logra rompelo, conseguirá desposar a moura, agora, roto o encanto, convertida nunha fermosísima moza, e posuír o tesouro que esta gardaba, todas as mouras teñen moitas riquezas, entón o que despose con elas será rico e a boa sorte estará sempre con el.
A relación entre mouras e humanos baséase no intercambio de bens, que son usualmente favorables só para os últimos. De aí saíu a famosa frase que os humanos usaban para contactar cas mouras “Dáme da túa riqueza e eu dareiche da miña pobreza.” ou a que usaban as mouras para contactar cos humanos “...dicían os penedos: darme a vosa pobreza e eu dareiche da miña riqueza.”

        Entre os bens campesiños que estes daban ós mouros, a leite xogaba un papel moi importante, xa que é un produto especialmente apreciado polas donas. Precisamente, unha das formas máis usuais de romper o encantamento é substituír o bico polo ofrecemento dunha cunca de leite.

        As mouras tamén se caracterizan por ser moi vingativas e interesadas. A maioría dos tratos que fan cos humanos teñen que manterse en segredo, porque se non, o ouro que estas lle dean convertérase en carbón.

 SARA GARCÍA ALCALDE

     

 

       

 

 Son fadas moi fermosas que viven nas fragas. Hia que di que son que son as ánimas das doncelas que coidan dos tesouros dos mouros. Hai variantes, como a Princesa Moura, a Moura Fiandeira, a Moura-Serpente, a Moura-Mai , a Moura-Vella... 

        Só as poden ver as persoas elexidas por estes seres máxicos.

Aida Barros Ces

MOUROS

 

        Os mouros eran un pobo de criaturas sobrenaturais,  presentados como non bautizados e pagáns. Os varóns eran escuros e en ocasións deformes. Vivían dunha forma similar á do pobo galego. Daban sepultura ós seus mortos, escoitaban misas dadas polos seus propios sacerdotes, bebían viño, comían carne e bailaban polas noites Para moitos, o nome destes seres fantásticos estaba relacionado co ouro, xa que eran criaturas que vivían no subsolo (baixo a terra ou a auga) e dedicábanse á extracción deste mineral. Os mouros traballaban na ourivaría, construían enormes castelos, castros, penedos, etc. Son seres solitarios, que non acostuman a saír á superficie aínda que en moitas lendas axudan a mortais, pero case nunca con nobres intencións.
        Tamén pódese relacionar con feito de que custodiaban enormes tesouros, e ás veces ofrécenllelos ós humanos a cambio dalgún favor, aínda que o compromiso principal é gardar o segredo.  Moitas veces tamén intentaban seducir ás rapazas ou raptaban ós campesiños.

 SARA GARCÍA ALCALDE.

 

42 PAPÓN

    

        É un coco para asustar ós nenos e nenas, pero tamén o ogro dos contos infantís. É xigante, ten enorme boca, ollos de lume que revolve furioso, bandullo de forno ardente e moi prominente. De tanto comer a roupa quédalle pequena e non lle da tapado a barriga, por iso, tanto no verán como no inverno anda con ela ó aire.

        Tamén se lle chama: Paparrasolla, Zampón, Pispota, Zamparrampa e outros moitos nomes.

        O Papón, como xa di o seu nome, papa os nenos e as nenas. Entra nas casas polas noites e papa sen machicar ós nenos e nenas que non queren durmir...

SINTAYEHU TUBÍO RODRÍGUEZ.

 

42a  PASTORIÑA

        Na mitoloxía galega temos dous tipos de pastoriña:  a moza coidadora do gando e a cadeliña branca avisadora da morte.

        Cando se trata das coidadoras do gando, as pastoriñas eran mozas novas, xeralmente sen recursos, que andaban co gando ( vacas, ovellas) no monte, moitas veces sen ser as propietarias dese gando, sendo só criadas de familias ricas. Podían facer amizade coas mouras das que ían recibir moitos agasallos sempre que non confesaran esta amizade a ninguén. Se descubrían o segredo podían ser castigadas ata coa morte. Tamén podían axudar a desfacer os encantamentos.

        Nalgunhas  zonas do rural galego, sobre todo na provincia de Lugo, cando alguén ía morrer aparecíaselle  unha cadeliña branca moi bonita e graciosa, que se poñía a seguir a esa persoa por corredoiras e camiños,sempre de noite. Ao chegar á porta da casa, a Pastoriña desaparecía.  A persoa morría en poucos días

  IRIA ALCALDE SOBRADELO.

44 PEDRO CHOSCO

        Pedro Chosco ten figura de home con barba branca, de maneiras  doces e de voz grave. É o encargado de facer durmir ós nenos con suaves aloumiños, ainda que prefire anainar  mozas. Os nenos ven a Pedro Chosco cando teñen un ollo pechado e o outro non o poden abrir.

        A copla popular di:

            Vaite de aí, Pedro Chosco

            non me tentes a criada

            nin ma vistes, nin ma calzas

            nin lle pagas a soldada.

  María Teresa Novo García

 

45 PEEIRO / PEEIRA DOS LOBOS

       Muller ou home que dirixe aos lobos nas súas cacerías. Soen selo por fado, sen pretendelo, ao naceren sétimos irmáns do mesmo sexo dun matrimonio.

      Sempre conservan a súa forma  de muller/home. Vanse a vivir cos lobos, falan o seu      idioma, comen a súa comida, protexen ós cachorros e, en moitos casos, convértense en xefas de manada.

       Segundo algunhas lendas as peeiras seducen aos homes que atopan para que sexan comida para a súa manda.

       En esquema, diremos que a Peeira é unha muller que anda cos lobos pola noite. Coida deles e eles sonlle obedientes. Ás veces é un varón o que desempeña tan extraordinario oficio. A palabra Peeira non ten máis uso en galego ca o referido á fábula. Pode proceder do Latín pedarium, a “aquel ou aquela que camiña a pé”.

       A Peeira dos Lobos pode ser  a supervivencia dunha antiga deusa pre-cristiá.

NURIA DOMÍNGUEZ GALBÁN.

 

46  RABUSO

 

       No Morrazo son uns trasgos  minúsculos  que se dedicaban a provocar maldades alí onde vivían. Vestían cunha especie de banda de tea ou turbante pirata, enrolado á maneira de cola ou rabo, polo que se lles coñecía co alcume de Rabusos.

       Descenden os Rabusos dos piratas turcos que no século XVII arrasaron as Rías Baixas, queimando casas, secuestrando xente, asasinando, en fin  roubando todo o que podían e sementando o terror ao seu paso.

UXÍA RIAL BREA

 

47 RAÍÑA LUPA

        Na lenda culta é unha muller  perversa e rica  que intenta impedir o traslado do Apóstolo á Santiago (O corpo era trasladado a Galicia polos discípulos nun barco que comerciaba con pedra). Os seus intentos fracasan debido a fantásticos prodixios   que fan que Lupa se converta  ao cristianismo e axude na construción da morada do Apóstolo. Pénsase que Lupa podería ser a representación dunha deusa precristiá, probablemente a versión feminina de Lug.

        No imaxinario popular, Lupa é unha muller máxica e mesmo pode ser unha moura.

MARÍA TERESA NOVO GARCÍA

48 SACAUNTOS

 

        O Sacaúntos é un personaxe "asustanenos", igual que o  home do saco, un personaxe grande e mal vestido. Ás veces tamén se lle chama  o papón, en alusión a que pode papar (no sentido de comer) a alguén, especialmente aos nenos.

        O Sacaúntos, de ollar terrible, dedícase a sacarlle a  graxa  aos nenos pequenos ata deixalos nos  ósos. Unha vez ten o unto marcha para o bosque onde o come para volverse forte e vigoroso coma os nenos. Segundo outros, desta forma saca cartos ao vendérllela ós vellos, para cambiar o seu  sangue  por outro máis novo.

        A orixe do personaxe pode tal vez ser medieval, polos casos de antropofaxia que se deron nas grandes famuras.

        Etimoloxía: do gótico saka ("preito, extraer, sacar") e do latín unctum ("aceite, ungüento, manxar").

SARAI DELGADO MARIÑO

 

49 SEREAS

        As sereas son seres nos que a metade superior ten o aspecto dunha muller moi fermosa mentres que  na parte inferior,  na vez de pernas,  teñen  cola de peixe. A súa orixe ven da mitoloxía grega e ao longo dos séculos fixéronse moitos avistamentos de supostas sereas aparecendo teorías dun elo perdido na evolución humana, experimentos xenéticos dos extraterrestres, ou entidades doutros mundos...

        Segundo o Diccionario dos seres míticos: "as sereas teñen corpo de muller fermosa, con longos cabelos, e de cintura para abaixo coma os peixes. Atraen os mariñeiros ou os navegantes coa súa voz, sedúcenos e fanos afogar. Levan un espello e un peite, peitean os longos cabelos, cantan con doce voz sobre unha rocha. Viven en pazos de cristal cheos de riquezas, baixo o mar".

NURIA DOMÍNGUEZ GALBÁN

       

 

 As sereas son seres metade muller (do van para arriba) metade peixe (do van para abaixo). Viven no mar, en lugares perigosos para os barcos: cantís, baixos.... Coa súa melodiosa e traidora voz atraen aos mariñeiros para que se acerquen á costa, preto do lugar onde viven, e así facelos naufragar.

 

Aida Barros Ces

 

50 SERPAS / XERPAS

SERPAS/ XERPAS

        Mulleres monstruosas da mitoloxía galega que teñen  a metade do corpo humano, a parte superior, e a parte inferior ten forma de serpe. É ao mesmo tempo, unha serea dos ríos pois afoga e leva aos homes aos pozos somerxidos.  Sabemos da existencia de Serpas ou Xerpas nos pozos dos ríos galegos, pero tamén pode habelas no mar ou  en covas da costa.

MARÍA TERESA NOVO GARCÍA

 

51 SOPOSTOTALLO

        O sopostallo é un animal doméstico que ten a virtude de estar sempre onde non debe. Cando un se vai sentar nunha silla, poñamos por caso, o sopostallo está nela; cando un quere comer tranquilo, o sopostallo está tamén á mesa para dar faterna; cando un vai andando por un corredor ás escuras, encontra ó sopostallo diante dos pés e moitas veces cae con grave dano de ambos.

        Mais non se lle debe reñer: todo o que fai é sen mala intención, pois está na súa natureza o estorbar.

 MARÍA DOMÍNGUEZ PICÓN. RECOLLIDO DO “LIBRO DOS MORADORES” DE DARÍO XOHÁN CABANA.

 

52 TARDO

 

        É similar a un trasno pero moito máis malévolo. É un ser pequeno, peludo, con moitos dentes, de cor verde, cos ollos redondos e negros; ten barba e usa un traxe moi vello e roto. É moi covarde, e nada intelixente. Aínda que ten un tamaño moi pequeno pesa moito, aproveita que se fai de noite para entrar nas casas dos que están durmido e sentarse sobre o seu peito provocándolle desta forma uns pesadelos terribles e unha dor no peito, como se tivese unha gran pena dentro.

        Para librarnos deste molesto ser, abonda con que deixemos unha cunca chea de gran na cociña, como é moi curioso vai ir a ver a cunca e vai empezar a contar os graos e como só sabe contar ata dez ó chegar a este número pérdese e volve a empezar. Está así toda a noite e cando é de día o tardo vai seguir ó lado da cunca, entón collémolo e botémolo fóra da nosa casa. Ese molesto ser xa non volverá a entrar máis no noso fogar.

 GABRIEL EIRAS

53 TÍA XOANA

 

         É una vella que ten polo menos dous centos anos ( Chegou a Galicia no tempo dos mouros). Ten o pelo branco e moi longo. Só ten un dente na boca co que roe todo o que atopa no faiado da casa onde vive  e a onde non poderán ir os nenos nin as nenas (Serían devorados pola anciá). Fai as  súas necesidades nunha pota. Dorme  nunha arca, tirando da tapa con forza para que ninguén poida abrila.

        Hai quen di que xa morreu,  pois  cando se fartou de vivir foise a unhas rochas cerca de Fisterra, onde pediu axuda a un pastor pra cavar a súa tumba. Cando remataron abrazouse ao pastor e tirouse na tumba con el,  deixando caer unha pesada pedra enriba. Ninguén podía axudarlle xa que a tumba estaba cuberta de serpes. Dise que quen vaia mirar a tumba morrerá antes dun ano.

Jennifer Riobó Abuín

 

54 TORDAVISCO

        Cunqueiro dixo que “O tordavisco é coma un galo e non hai quen o mire, que de día é verde de noite é mouro e cando neva branco . É o máis listo de tódolos paxaros: tanto é así que cando o cuco se ergue, polas mañanciñas de cedo, vai o tordavisco e métese na súa cama, e aproveita que a deixou o cuco.

        O ovo do tordavisco é verde e fala. Asusta aos nenos que andan velando niñadas nas silveiras, dicindo a grandes berros : -QUEN ANDA AÍ?

DIANA POUSO ROMAY ( SACADO DE CUNQUEIRO).

 

 

55 TRASNO

  

O trasno  é unha especie de demo invisible, coñecido tamén como diaño pero distinto ao demo, e nunca tan maligno. Acostuma a andar de noite polos bosques e camiños de Galiza que é cando pon en práctica as trasnadas planeadas polo día…

 Gústalle especialmente  lavar o cu no leite.

 Existe un truco para librarse del, que consiste en deixarlle un gran montón de   grans de millo; como non sabe contar máis de cen, cando chega a esta cifra ten que comezar de novo, e así mantense ocupado.

Tamén se coñece como: Porviso, Perete, Perello, Perecho,etc.

Pode ter moitos aspectos: anano, de home alto, de año novo, con forma de ovella, de anxo…

Ás mozas novas adoita presentárselles como un meniño, espido e bandonado, tremendo de frío para que o deiten na cama e o fagan entrar en      calor…

            ISABEL OTERO MOSQUERA

 

56 TRES MARÍAS

 

 

        Son tres vellas anciás  moi respectadas na veciñanza polos seus coñecementos, aínda que poidan ter algo que ver coas meigas. As tres chámanse de nome María. Aparecen asociadas a todos os procesos curativos que se dan no pobo e tamén nos acontecementos que implican ritos de paso na vida das persoas.

 UXÍA RIAL BREA

 

 

57 TRONANTE

        Aos tronantes tócalles, por mor do seu insospeitado poder sobrenatural, a comisión de facer ruído.  Son os que provocan os tronos e as tormentas. Os tronantes son homes monstruosos e feos coma demos:, negruzcos, baixiños, con zocos moi grandes e con dúas tenaces que lles serven de mans. Feren as nubes cos pés, producindo o ruñido do trono.

        En Bergantiños  son altos e aparecen moi ben vestidos, aínda que tamén son moi feos e aquí fan o ruído do trono ao arrastrar  caixas de ferro polo ceo.

                DAVID GALBÁN CES

 

58 VISITA

 

        É outro dos moitos  nomes da Compaña, porque fai a visita á casa do que vai morrer anunciando a súa morte.Conta a lenda que quen recibe  a Visita morrerá no prazo dun ano. Dise que lle leva o viático ó/á que está predestinado/a  a  morrer. Se hai alguén presente ten que apartarse dos pés da cama para non impedir que as ánimas dean ó/á case defunto/a  a  extremaunción.

        Non esquezades que é unha lenda, e as lendas só existen para quen cre nelas.

MARÍA DOMÍNGUEZ PICÓN

 

 

59 XACIAS / XACIAS

        Seres míticos humanizados do medio acuático que están emparentadas coas sereas. Segundo se cre  fan vida entre o Castro de Marce, en Pantón, e os pozos máis profundos do río Miño. Cativaban ós homes e os mozos namóranse delas pola súa extraordinaria beleza para con posterioridade causar a perdición dos que as seguen.

JENNIFER RIOBÓ ABUÍN

 

60 XACIOS 

 

 

        Existe no río Miño, unha raza de seres chamados xacios, que teñen a súa gorida nos profundos pozos do río. Os xacios son seres mitolóxicos coa metade inferior dun peixe ou de rabo de lagarto e a metade superior humana, masculina ou, sobre todo, feminina: as xacias. Encántalles a auga e habitan nas pozas dos ríos.

SINTAYEHU  TUBÍO RODRÍGUEZ