PEDRÓN
DE OURO 2014
Louvanza
na concesión dos premios Pedrón de Ouro
ao Museo
do Pobo Galego e a Teresa Soeiro
X. L. Méndez
Ferrín
Miñas donas e meus señores.
Quixera, en primeiro termo, saudar o Padroado do Pedrón de
Ouro, na persoa do seu presidente, ao temp o
de lle agradecer que me outorgase o honor de pronunciar estas
palabras de louvanza. Asemade quixera saudar o Padroado Rosalía de
Castro na persoa, tamén, do seu presidente.
Vaian os meus cumprimentos e parabéns ao presidente e
autoridades do Museo do Pobo Galego e á profesora doutora Teresa
Soeiro.
Pero
eu quixera decer que, tal vez, o Pedrón de Ouro discernido con máis
fonda emoción histórica, sentimental, social, política, é este
de hoxe que lle será entregado a unha continuación do Pedrón
mesmo como é, sen dúbida, o Museo do Pobo Galego.
..............................................
......................
Procede o Museo do Pobo Galego da idea de investigación de Galicia,
nos campos das diversas ciencias do home, que o Seminario de Estudos
Galegos teorizara e puxera en práctica, con entrega e eficacia
extremas, en 1923. Por esta razón, os iniciadores do Museo tiveron
o grande acerto de incorporaren superviventes e continuadores do SEG
á nova empresa: Xaquín Lorenzo, Antonio Fraguas, Xosé Filgueira
Valverde e Ramón Martínez López.
.................................
Hoxe
élle concedido o Pedrón de Honra á profesora doutora Teresa
Soeiro, socia e colaboradora do Museo do Pobo Galego, co cal velaí
que de novo se materializan os fíos ancestrais que se fían na roca
de ouro da vella gardiá da memoria de Gallaecia. Moitas grazas a
Teresa Soeiro por ter ollos para nós e por comprender, que galegos
e portugueses fomos un só pobo e debemos frear a deriva que
propende arredarnos aínda máis do que nos teñen arredados.
O
texto completo da intervención como mantedor na entrega do Pedrón
de Ouro e do Pedrón de Honra 2014 de X. Luis Méndez Ferrín
editarase no nº 98 da revista A Trabe de Ouro.
|
NA REUNIÓN DA FUNDACIÓN PADROADO PEDRÓN DE OURO DO VINTENOVE DE MARZO
DE DOUS MIL E CATORCE CELEBRADA NA CASA DA CURISCADA DE ARZÚA
Relativo ao punto CINCO DESTA ORDE DO DÍA: propostas
e proclamación dos Premiados co PREMIO PEDRÓN DE OURO E PEDRÓN DE HONRA
nesta quincuaxésima edición e logo das deliberacións oportunas
en función das propostas realizadas:
ACÓRDASE:
PRIMEIRO:

CONCEDER O PREMIO PEDRÓN DE OURO deste
ano 2014 ao MUSEO DO POBO GALEGO,dado
que a creación do Museo do Pobo Galego no ano 1976 respondía a unha
vella aspiración de crear un museo que recollese, conservase e divulgase,
defendese e promovese as manifestacións máis diversas da cultura
tradicional galega e así xurdido da sociedade civil nun momento en que os
profundos cambios sociais, económicos e ideolóxicos, poñían en perigo
a pervivencia da cultura popular, polo que o MUSEO DO POBO GALEGO naceu co
propósito de ser un referente da identidade galega que, con carácter dinámico,
lle mostrase aos proios galegos a cultura xerada polo pobo e aos foráneos
como se foi conformando a personalidade histórica de Galicia. A
participación na fundación do MUSEO DO POBO GALEGO das figuras de Xaquín
Lorenzo, Antonio Fráguas, Filgueira Valverde e Ramón Martínez López,
representantes do SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS extinguido en 1936,lexitimaba
a nova institución que pretendía dar continuidade aos propósitos do
SEG.
A FUNDACIÓN PADROADO PEDRÓN DE OURO, no cincuentenario da súa fundación,
quere distinguir o compromiso do MUSEO DO POBO GALEGO co patrimonio histórico-antropolóxico
e a súa condición de centro sintetizador da rede de museos etnográficos
de Galicia.E quere , asemade, vincular o seu cincuentenario co vintecinco
aniversario do pasamento de Xaquín Lorenzo Fernández, MEMBRO SOBRANCEIRO
E VICEPRESIDENTE que foi do PEDRÓN DE OURO e significado impulsor do
MUSEO DO POBO GALEGO.
PALABRAS NA RECEPCIÓN DO PEDRÓN DE OURO 2014
AO MUSEO DO POBO GALEGO
Padrón, Casa da Matanza, 18 maio 2014, 12,30h
Señor presidente da Fundación Pedrón de Ouro, señor
presidente da Fundación Rosalía de Castro, membros das dúas
fundacións e do padroado do Museo do Pobo Galego, amigas e
amigos:
Como é natural, debo empezar agradecendo, e moito, á
Fundación Pedrón de Ouro a concesión deste premio ao Museo, ao
meu querido amigo Xosé Luis Méndez Ferrín a súa laudatio,
espléndida como todo o seu, e a todos vostedes a súa presencia.
Eu non son o máis indicado para falar hoxe aquí pero os
azares institucionais colocáronme nun lugar que en xustiza debía
ocupar outra persoa con moitos máis méritos ca min no que atinxe
ao desenvolvemento do Museo nos trinta e oito anos que pasaron
dende que empezou a súa xestación. Con todo, é para mín unha
grande honra recibir a distinción en nome dos membros do Padroado,
en nome deses máis de dous mil socios que son o maior alicerce
social do Museo, e en nome de todo o seu persoal. E permítanme
que neste momento faga unha mención moi especial aos que
contribuiron a levantar a obra pero xa non están connosco e non
poden ver recoñecidos os seus esforzos neste acto. Entre eses
ausentes están, por suposto, os de moita sona entre os que
salientarei pola súa especial importancia para o Museo a Xaquín
Lourenzo, Antonio Fraguas, Isaac Díaz Pardo e Rafael Baltar. Pero
están tamén patronos menos coñecidos pero fundamentais no seu
día (por exemplo, Xosé Antonio Gómez Vilasó, autor do noso
logo) e persoas que traballaron en postos aparentemente modestos
en silencio pero con entusiasmo para regar e cuidar a cotío
aquela feble plantiña que nin moito menos tiña garantido chegar
a árbore rexa e que personificarei en Xesús Raposo, o primeiro
conserxe, e no debuxante Xosé Pena.
Ao Museo non lle faltan últimamente os recoñecementos. Non
pode decirse o mesmo dos recursos. Pero tan importantes son os
primeros como os segundos para que sobreviva e siga medrando. Os
recoñecementos, sobre todo se proceden da sociedade civil, son o
combustible imprescindible para manter en pé o ánimo necesario
en quen participan nun empeño como o noso. Só ten sentido
seguirmos se sabemos que somos apreciados polos destinatarios,
sinal de que o noso labor, por suposto imperfecto, serve para
algo.
Pero este Pedrón de Ouro non é para nós un agasallo máis.
Ten para nós unha significación moi especial, porque procede do
noso irmán maior, de quen, doce anos antes cá nós, nos sinalara
o camiño erguendo a bandeira da defensa da identidade e da
liberdade de Galicia, e fíxoo en circunstancias moito máis duras
cas nosas, nos tempos escuros da represión e do silencio forzado.
Por iso quero render homenaxe aquí e agora aos seus fundadores
Avelino Abuín de Tembra, Maximino Rodríguez Buján e Octavio
Sanmartín e a todos os que acompañaron e continuaron a súa
empresa.
Aqueles primeiros anos sesenta, hai medio século, foron o gran
punto de inflexión da ditadura: as grandes folgas e a creación
de Comisións Obreiras, o movemento universitario e a destrución
do SEU, a fundación da UPG e do PSG, o acordar crecente e xa
irreversible da loita antifranquista, o devalo da eficacia
paralizante que tiveran terrorismo de Estado e a lembranza do
xenocidio e dos etnocidios das décadas anteriores. E a ese crescendo
liberador sumouse un bó zapador, o Pedrón de Ouro, pequeno pero
resistente, capaz de sobrevivir á hostilidade oficial, á
indiferencia, á penuria. Tan resistente que aquí segue, malia os
moitos baleiros que pretenden facerlle.
A vida do seu irmán menor, do Museo, foi menos difícil porque
non naceu nin foi aleitado baixo unha ditadura. Mais tampouco non
foi totalmente doada. Ser galeguista e independente dos poderes
sempre ten un precio. Onte e hoxe. E o Museo ven pagando ese
precio en forma de recursos escasos e crecemento lento. Pero o
neno herdou ese xen familiar que dá unha boa capacidade de
resistencia. E aquí está, aínda que cos seus problemas.
Necesitado dunha ampliación e modernización para cumprir
plenamente o programa fundacional e para actualizar a súa
linguaxe museística, hai seis anos que dispón dun novo programa
que, de realizarse, dotaría a Galicia dunha forte ferramenta
identitaria, acorde coa súa persoalidade como nación e acorde
cos tempos. Pero ese programa está no conxelador, disque que pola
crise económica. Ogallá sexa por iso, pois daquela pode que a
execución dese programa polo menos estea iniciada cando cumpra
cuarenta anos, en 2017. Xa veremos. Se cadra, algún de nós non
chegamos a velo.
Mais, por fortuna, os dous irmáns seguen vivos e con azos de
abondo para continuar moito tempo. E para rematar, un bó desexo:
que dentro de cincuenta anos o Pedrón poida celebrar o seu
centenario, aquí, a carón da sombra luminosa de Rosalía, e
nunha Galicia máis libre, máis próspera, máis xusta, nunha
Galicia limpa de tanta podremia que hoxe padece. E que o Museo do
Pobo Galego estea tamén para celebralo. A maioría dos reunidos
hoxe aquí non o veremos pero esa esperanza dános forza para
afrontar o que nos reste de vida sen apartarnos do camiño
trazado, do camiño que vimos percorrendo dende novos. De novo,
moitas gracias.
Justo Beramendi
Presidente do Padroado
do Museo do Pobo Galego
|
SEGUNDO:
CONCEDER O PREMIO PEDRÓN DE HONRA
deste ano
2014 a
TERESA SOEIRO, Profesora
Asociada do Departamento de Ciencias Técnicas do Patrimonio na Facultade
de Letras da Universidade do Porto, onde imparte as materias de Arqueoloxía
e Etnografía e participa en tarefas académicas nas Universidades de
Porto, Coimbra, Santiago de Compostela e Braga.Dirixiu numerosas excavacións
arqueolóxicas, foi directora do Museu de Peñafiel e coordenou e asesorou
múltiples proxectos museolóxicos e exposicións.Desde o ano 1978 entrou
en contacto directo con Galicia, coincidindo coa participación nas
excavacións de Monte Mozinho, dirixidas daquela polo doctor Carlos
Alberto Ferreira de Almeida. O equipo que alí se formou introduciu a
doctora Teresa Soeiro en institucións como o Museo do Pobo Galego, do que
é socia e colaboradora ou a USC. Tamén participou, referido a traballo
de campo, participou nos de Rande, Castro Mao, O Neixón e Baroña. Formou
parte do equipo galego-portugués que traballou no castro de San Cuis (
Asturias)
O PEDRÓN DE OURO quere distinguir á Profesora TERESA SOEIRO co PEDRÓN
DE HONRA pola súa contribución á arqueoloxía e etnografía de Galcia e
o Norte de Portugal entendidas como unidade histórica e cultural.
|