As festas de Guadalupe son un momento importante para Rianxo e para
todos os rianxeiros; por eso agradezo de maneira especial ao Alcalde e ao
Presidente da Comisión de Festas a oportunidade de dirixirme ás miñas
veciñas e veciños malia a dificultade que supón poñer palabras aos
sentimentos. Pregoar noticias ou mercancías como tradicionalmente facía
o pregoeiro, “oficio vil e despreciable” por certo, resultaba máis
doado, era menos comprometido que falar en Rianxo aos rianxeiros das súas
festas. Porque a Guadalupe permítenos á maioría dos presentes volver ás
noites e menceres da nosa infancia e xuventude co afán de recoñecer e
andar novamente os camiños do pasado. Moitas grazas, Alcalde, moitas
grazas, Presidente da Comisión de Festas
Tense dito moitas veces que Santiago é un dos poucos lugares do mundo ao
que se pode chegar seguindo as indicacións das estrelas. Pois ben, tamén
a Rianxo se adoita chegar guiado polas súas propias estrelas, astros que
seguen a brillar no firmamento da memoria colectiva do noso país e que
nos aprenderon algo fundamental: ser rianxeiros é un xeito especial
de ser galego no mundo.
Nun país, Galicia, poblado de
silencios históricos, cobra especial importancia, para configurar a súa
propia identidade, a testemuña escrita. Rianxo aportou en momentos
decisivos para Galicia a palabra necesaria, a utopía imprescindible.
Malia ter estrelas que nos guían,
Chariño, Martelo Paumán, Arcos Moldes, Castelao, Manuel Antonio ou
Dieste, non podemos esquencer que o gran mérito destes escritores e
intelectuais rianxeiros radica no feito de saberen escoitar os ecos da
cultura popular, de interpretar e pregoar as virtudes desta vila. Dito
doutra maneira, souberon proclamar a soberanía estética de Galicia
baseada nas fontes populares, decatáronse da existencia doutra cultura, a
cultura popular como instrumento pedagóxico e como instrumento
normalizador fronte da cultura oficial. A arte popular marcha ceibe pola
historia sen se coñecer o seu camiño máis que polo ronsel que deixa.
Sen retórica, quedaría así: O máximo valor desta terra foi e segue a
ser a súa xente.
Un coñecido escritor alemán,
preocupado pola voz dos de abaixo, dos humildes, dos vencidos e dos
perdedores da historia, preguntaba nun poema (Preguntas del obrero ante el
libro o del trabajador que lee) polos obreiros e traballadores que
construiron obras tan monumentais coma a muralla china. Hoxe, seguindo a
estela deste poeta eu tamén recelo da historia imposta que nos obliga a
repetila no canto de contribuir a facela. Por eso me quero referir moi
brevemente á outra historia, a esquencida, a que non aparece nos manuais
nin nas escolas. As dos homes humildes que fixeron posible o que hoxe
somos e o que foron os grandes homes da nosa vila. Con razón dicía
Manuel Antonio que esta vila nosa era coma un museo de mariñeiros vellos
que grabaron e imprentaron nas pedras da ribeira a súa emotividade e se
non fora por eles, os poetas non saberían que o ronsel se chama así. Ata
tal punto é auténtico o mariñeiro de Rianxo que podería ser o
prototipo de galego que non renuncia á súa personalidade. O mariñeiro
de Rianxo a pesar dos seus ollos panorámicos e dos seus ouvidos políglotas
retorna sempre coa palabra nativa nos beizos.
A autenticidade e dignidade dos
nosos mariñeiros é a razón pola que os nosos escritores evocaron unha e
outra vez a Peito Duro, Peito de Lobo, a Ñames e Pasmita, ou a Pepina
Tayoya, que non son personaxes de fantasía, son personaxes populares, de
carne e oso, que eles souberon trascender e facelos ficción para que
endexamais morreran, para que permanezan vivos na memoria da humanidade.
Todos eles están a falar, desde Rianxo, cos habitantes do Macondo de García
Márquez, cos da Comala de Juan Rulfo ou cos do Bos Aires de Borges.
Os personaxes dos nosos
escritores están arrincados desta vila e reuníanse na taberna da
Zurela ou na Rabaleira para falar do divino e do humano. Alí están aínda
a parolar mentras un patache do Freixo está a descargar un cargo de sal
no medio das sinxelas lanchas xeiteiras, o Chuvasco aquel home de tan
grande cabeza, que parece o bico da Piruleira, que o mesmo canta de baixo
nos rosarios e novenas que ata as redes rachadas ou aparella un galeón;
está tamén O Manicas, o mellor bailador da vila, que nos domingos deixa
na da Zurela, todos os cartos ganados no mar na semana enteira; e a quen
soio Peito Duro a piñas leva pró barco cando van para o mar os homes o
luns ó saír a estrela; tamén están O Chaverús, Bicho, Gago casado coa
Muiñeira- Ñames que está casado con Pepa de Quitolas; Cachola, Patudo,
Rémido, Galabocho, Cacho, Paxaro; Mosquiñas, e cen mais da mesma caste
que se sentan na ribeira. Espartero está na porta da súa casa e ve pasar
ao señor Juanito O Garreante, personaxe d´A Fiestra Valdeira mítico
patrón do galeón dos Pérez que regateaba con Ñames e con Marcos do
Pazo cando viñan de Vilagarcía. Vai na compaña do Sr. Benito o Galbán,
o mellor rexidor da belisca na taberna dos Pérez, do Sr. Manuel de Paulos,
do Sr. Manoel de Quitolas e do Sr. Miguel o Pintureiro, O Fardelo, o
mellor colledor de ostras de ladeira e o vello Patillas, todos homes
de espíritu san e honrado, da mellor fidalguía mariñeira.
Nomeados co alcume que é o auténtico bautizo dos veciños, o auténtico
nome da nosa xente. O Don queda reservado para don Severo, o bispo
rianxeiro Arauxo Silva, para súa nai dona Xusta ou para médicos, don
Rafael e don Pepito mestres coma dona Dorinda e fabricantes coma
Goday, toda xente importante.
Ninguén mellor que o célebre
Fariña para resolver a laberíntica e complexa relación entre autor e
personaxe que tanto preocupou a Unamuno: cando don Xosé Arcos lle encarga
un papeliño curto de catro palabras nun apropósito que escribira para
ser representado con intención crítica, Fariña pousa o farol que levaba
no escenario e lanza un discurso de media hora, espontáneo e baril, rebelándose
contra do papel que tiña que facer, que non era o do personaxe que
representaba, era de si mesmo. Mesma solución e lectura existencial nos
ofrece o caso de Peito de Lobo, veciño de Rianxo e personaxe dos
Retrincos de Castelao, que se vai facendo vello ó mesmo tempo que se
deteriora o cabezudo que o representa e acaba dicíndolle ao autor: ¡Alá
se foi o cabezudo, señor! Cando morre Fariña, en abril de 1919, o xornal
Galicia Nueva de Vilagarcía lamenta que Castelao perdese a un dos seus
modelos-
Arturo Noguerol, mártir da Libertade, secretario do concello de Rianxo
por un tempo, anotaba nun caderniño as frases ilustres dos mariñeiros e
viaxeiros que iban na motora do Carqueixa, de Rianxo a Vilagarcía. “Touciño”,
mariñeiro, dixo esta greguería sen ter lido a Gómez de la Serna:
“Polo mastro da motora soben tantos xuramentos do patrón que se as
gaviotas tivesen un receptor de radio perderían a inocencia”.
E Rita, mandadeira e tratante de ovos, escoitando dicir a un veraneante
madrileño que se fose pintor fixaría no lenzo as cores do solpor, díxolle
como se nada: “Pois para axuntar todos eses tons hai que saber moito e
andar axiña porque nun instantiño a luz xa é diferente e cómpren
outros pinceis”. E a señora Fanchuca, que non sabía ler pero que saía
á porta da súa casa e dicía con sabida e audaz metáfora: “Non hai
unha nube onde enganchar o candil”.
Eran tempos nos que os cons
enriscados eran os atracadeiros, cando non varaban as embarcacións na
area donda da praia. Con razón aquel cantar:
Santo
San Bartolomeu
que estás no medio da Ría
por un lado tes Rianxo
por outro Vilagarcía.
Rianxo era unha vila humilde pero tiña hermandade e nobreza dabondo,
cunha solidariedade absoluta que se traducía nunha organización do
traballo fondamente social: creáronse as compañías de aparello, de carácter
patriarcal, con quiñón de reparto, a parva, a ración de pan e viño, a
obriga colectiva e proporcional para médico e para as festas patronais.
Estas compañías eran verdadeiros gremios protectores, mesmo dos rapaces
que empezaban a ir ó mar desde que podían gatear os barcos . Na nosa
vella vila non había traizón, había irmandade e nobreza. . Nos casos de
desgraza ou infortunio –naufraxio, incendio, morte- existía unha
solidariedade absoluta. Tamén se mostraba unánime o sentimento colectivo
nos acontecementos memorables, que eran festexados por todos como propios,
tal como nos conta Roxelio Pérez. Os mariñeiros de Rianxo sabían
daquela que unha alegría compartida transfórmase en doble alegría; e
unha pena compartida transfórmase en media pena.
Todas estas persoas e outras moitas das que non temos noticia son on
obreiros que construiron a gran muralla china, son os labradores anónimos
dos sulcos esquencidos da historia. Son os coautores, xunto cos Castelao,
Dieste e Manuel Antonio, de todo o mellor que podemos ofrecer a Galicia e
ao mundo enteiro.
Levo citado na miña alocución
a numerosos personaxes rianxeiros de moi distante e distinta condición,
pero todos, absolutamente todos, comparten, directa ou indirectamente, a
dor da ausencia, a dor da emigración, que azoutou a este concello con
especial dureza despois de 1918. Non poderiamos explicarnos como pobo sen
a dramática experiencia da emigración. Non é o momento de explicar os
sentimentos encontrados e os sufrimentos que este fenómeno social ten
provocado entre nós.
Non parecen estas palabras as máis axeitadas para días festeiros, pero
por outra banda é bastante frecuente oír a pregoeiros e autoridades políticas
que evocan ós nosos familiares e veciños ausentes para que os fagamos
presentes. Que non é outra cousa que unha loable invitación a ser
solidarios coa xente que non pode disfrutar con nós en días sinalados do
ano. Neste contexto, xa que logo, podemos tamén facer unha homenaxe ós
ausentes honrando ós emigrantes presentes, aínda que estes sexan
africanos, americanos, negros ou mestizos pero sempre persoas dignas de
respeto e necesitadas de que os tratemos humanamente que non é outra
cousa que intentar poñernos no seu lugar, que é o lugar no que estiveron
tantos e tantos veciños nosos no pasado e aínda no presente.
Pero nada mellor pode
representar este escenario que levamos debuxado –paisaxe, vila, xentes
do pobo, cultura popular escritores, emigación, etc- que a Rianxeira,
canción embaixadora de Galicia. Nacida na alma do pobo de Rianxo, lévana
os emigrantes a Bos Aires e remózana para regresar fresca e ventureira
coma as ondiñas do mar.
Cantar a Rianxeira é como
atoparse uns vellos amigos da infancia, evocar cousas de amable e feliz
lembranza. A Rianxeira é unha sagrada herdanza dos nosos maiores e temos
a responsabilidade de conservala e de encomendarlla aos que veñen detrás
porque así, como quería Manuel Antonio, cumpriremos co noso deber de
defender a nosa personalidade, o que temos de propio, de noso, o que nos
distingue dos demais. Deber este, por certo, ben descoidado, e sobre o cal
falaría si o tempo non me prohibise abusar da vosa atención pra poñer
de manifesto o vergoñento que resulta ver como a cotío nos esquencemos
da nosa fala e renegamos da nosa tradición de galegos.
A Rianxeira, soamente no seu
retrouso encerra moita máis sabidoría que o libro dun intelectual,
porque recolle toda a sabiduría do pobo enteiro. Encerra o sentimento do
mar, da vida, o sentimento da ausencia, dos nosos emigrados, o sentimento
relixioso para os crentes e mesmo o sentimento socio-político e
identitario. Empezou sendo himno relixioso, transformouse en himno cívico
nas mans de ABC (Anxel Baltar Cortés), que lle encarga a imaxe pétrea a
Asorey e remata sendo puro sentimento popular con Romero e Pinciñas (Ondas
da nosa Ría) cos arranxos de Bernardo del Río. (Rianxeira).
E
esta nosa Rianxeira, un cantar refeito unha e outra vez a través dos
anos, tampouco sería posible sen a fértil tradición das xentes desta
vila. Porque durante moito tempo, aínda non había alumbrado eléctrico
na vila, as mulleres, escollían o peixe na prais coa luz dun farol de
aceite, formando corros.. A cotío no balbordo das conversas e das poxas
xurdía unha voz limpa e entonada, iniciando unha cantiga vernácula.
Deseguida se formaba un coro, en armoniosa polifonía coma se unha batuta
invisible o dirixira. Despois, ó longo das rúas, aínda se repetían as
cantigas das pescas que levaban o peixe a outras vilas e aldeas, ó fío
da madrugada. E aquelas voces afinadas e cheas de sentimento, iban perdéndose
lentamente ata morrer na distancia coma un doce suspiro.
Con estas voces das mulleres rianxeiras esvarando na nosa memoria, é o
momento de rematar desexándolles a todas as persoas presentes e ausentes
que nos sintamos próximos e solidarios para así mellor preservar o
futuro desta vila e disfrutar das festas da Guadalupe 2014
Viva
Rianxo!
Xosé
Luis Axeitos Agrelo
Texto do pregón das festas da Guadalupe 2014, lido o sábado 13 de
setembro ás 14.00
|