X. Manuel Lobato ten, como escritor,
unha calidade que a min me gusta moito. Escribe sobre aquilo que máis
lle chega á alma. Non adoita escoller o xénero autobiográfico,
pero todo o que escribe está imbuído dos tres temas que, ao meu
entender, conforman os alicerces da súa vida, persoal e literaria:
a tradición (na que ocupa un lugar preferente a historia familiar
que tanto ama), a paisaxe (vista sempre desde o cumio do Pico Sacro)
e o reto do home feito a si mesmo, que entronca coa temática da
emigración á que lle dedicou a súa tese doutoral. Elos
de cinza, o seu último libro, publicado en Ézaro edicións,
abunda nesa tripla perspectiva. E aínda que o libro é catalogado
como novela (e como tal pode ser considerada), xa que se estrutura
como unha saga mitolóxica que se desprega en varios séculos, a
sensibilidade moral do autor impídelle concretar a historia nun
suxeito individual. O verdadeiro protagonista é a paisaxe galega,
unha paisaxe que ten que loitar día a día para facerse a si mesma,
ante as continuas agresións que sofre, e que tanto lle doen a
Lobato, e que recibe do autor a súa propia tradición familiar,
converténdoa noutro elo da mellor tradición da literatura
galega, esa que mestura ficción e realidade, e que fai da lectura
dos libros do amigo Lobato unha experiencia única, acentuada por
ese estilo barroco e lírico que con tanta destreza manexa.
X.
Ricardo Losada |