OS MUÍÑOS

Índice                                                                                   Cantigas

    Na mente dos máis vellos está o que representaron os muíños na súa vida, foron o todo: a alegría, o sustento, a diversión...

    Para resumir a picardía que encerraron os muíños e maila vida que se montou ao seu arredor, temós a cantiga:

Unha noite no muíño,                                                                        Ao muíño de meu sogro,

unha noite non é nada.                                                                        eu ben lle sei o tempero.

Unha semaniña enteira,                                                                       Cando está alto baixalo,

esa si que é muiñada.                                                                         cando está baixo erguelo.

     Ademais disto os muíños foron algo máis, e concretamente no río Té, os muíños foron os lugares onde moitas familias atoparon o sustento para sobrevivir a aqueles anos tan negros que foron os da fame e posteriores.

   Nestes muíños transformábase en fariña o millo que proviña de  todos os lugares do Concello de Rianxo, e , cando isto non era posible, pois o millo daquela andaba moi escaso, había que ir a por el aos Concellos de Rois, Lousame, Negreira e demais... Coa fariña de millo, verdadeiro sustento, facíase unha gran variedade de comidas. A fariña máis fina, chamada oleo, era empregada para facerlle as papas aos nenos. Co resto da fariña facíanse desde bolatas na sartén, bolos do pote, empanadas ata as bolas feitas no rescoldo da lareira, que son lembradas polos máis vellos coma un verdadeiro manxar daqueles tempos.

    Como vemos, o muíño foi a base do sustento da poboación, non obstante houbo algo máis arredor del, ao ser un lugar onde acudían as máis diversas familias das distintas parroquias do Concello, fíxose entorno a el un modo de vida, son os centros de diversión e relación máis importantes. Son dos máis vellos coñecidas as foliadas onde as pandereteiras xuntos cos mozos e mozas da época facían verdadeiras festas, intercambiaban cantigas contos...

    Tamén en torno aos muíños se formaron unha serie de lendas e contos, e así a Santa Compaña, a Luz do Castro e outras, facían que certas persoas trataran de sacar proveito destes contos e lendas meténdolles medo aos que tiñan que moer de noite e así poderen entrar libremente nos muíños; outro usaban outras artimañas, pero todo isto forma parte da picaresca que envolvía a ese mundo de necesidades.

    Todo este mundo de lenda, maxia, saber popular estámolo a perder, pois moitos muíños deixáronse no abandono, e o paso do tempo encárgase de facer o resto. E, por si non fose abondo, veñen outros e aiantad o seu deterioro e sácanlle as capas e rodicios paras poñer na súa casiña de campo ou chalé.

OS MUÍÑOS NO RÍO TÉ

  

 

        Bustelo

         O pico Muralla desde o río

             O Vilar desde Campelo

    Deixamos a un lado no alto a Bustelo e a Campelo, vixiantes alá no alto, e divisamos xa o Vilar, que toma o relevo deSde o cume. Ao fondo do val atopámonos co primeiro remanso de paz e tranquilidade, que é o Pozo Bastón e o seu entorno, unha fraga centenaria de árbores autóctonas que merecen ser coñecidas. 

 

O POZO BASTÓN

 

   

Aparecen por estes lugares cos primeiros muíños de cubo, sistema de acumulación de auga que permitían, de por si, aumentar a presión da auga, algo necesario que as xentes desa época tiveron que inxeniar para subsistir. Máis adiante en Guixar temos construcións deste tipo e así ata a Vexa, algúns destes muíños aínda se conservan bastante ben.

    Ata aquí as augas do río Té baixan por un curso moi accidentado cunhas ladeiras moi pronunciadas, ás veces un tanto difíciles de remontar, nembargantes no que levamos do su percorrido o río xa ven cargado de sentimentos, tranquilidade, vida e soidade.

    Abandonamos xa Guixar e a Ermida, lugares que non se deben deixar de visitar, pois pódelle ocorrer a un igual que o que lle ocorre a aquel que non foi a san Andrés de lonxe...

Unha vez que chegamos a Buía, xa temos a metade dos muíños deste río coas máis diversas construccións. Pero é de aquí para baixo onde imos atopar os de máis envergadura. Á altura das Miráns temos o muíño de Picón, o muíño do Campo da Ponte, o muíño de Calvo. Preto de Devesa o do Ferreiro; á altura de Villanustre, o muíño de Francuín ou Paus do Cura, e mesmo o muíño do Xordo en Té, son muíños con dous ou tres pés para moer.

    Ao pasar Carballal, chegamos á altura da Castiñeiriña e alí atopámonos cun muíño en pleno funcionamento, está situado dentro dunha casa, é o muíño dos Ruchas, que se atopa en bo estado de conservación. É aquí, onde o río Té ou río Grande, como se coñece por estes lugares, comeza a ter verdadeira forza e caudal. Cóntannos os máis vellos as enchentas que houbo ao longo do tempo e os perigos que pasaron chegándolles a auga a vivenda. outras veces tamén puxo en perigo as súas  vidas, como aquel que levou parte do muíño de Santos e o seños Jesús salvouse na chimenea; por iso a familia lle regalou unha lámpada á igrexa e organizou ese ano a festa de sacramento (1947?). Tamén no muíño do Xordo unha enchenta levou a grandeira ata a praia da Torre(1943?). Isto danos unha mostra da forza que este río chega a acadar nas épocas invernais de choivas.

    Á altura da Devesa o río vai tranquilo, e alí, dáballe vida ao Muíño Vello, ao Muíño dos Caseiros e ao Muíños dos Ferreiros. Despois da ponte do Batán, onde movía un novo muíño, atopámonos cos Muíños de Fabeiro, na actualidade en desuso e con mal camiño de acceso. Un deles conserva un reducio no exterior como á espera de que alguén o leve de alí. Seguindo o curso do río chegamos o Pozo de Lemos, outro remanso de paz. Preto de alí hai un muíño en bastante bo estado de conservación.

    Chegamos a altura de Villanustre e vemos o muíño de Francuín ou dos Paus do Cura, un dos muíños de maquía máis coñecidos do río Té. Río abaixo temos o trabazo dos muíños da Laxe Grande, que teñen a canle máis longa de todo o río.Pola La xe e Dorna  as augas mansas e tranquilas van camiño da desembocadura, non sen antes pasar polos muíños de Beiro, Torrreiro , Té e, despois de pasar a ponte, atoparse co muíño do Xordo, digno representante das tradicións dos muíños que levamos visto. Para confirmar todo isto, este muíño aínda se mantén en pé e, de cando en vez, bota a andar, moendo e revivindo o que noutra época foi.

    A partir de aquí o río xunta as súas augas co mar e, ao chegar á foz da Torre, pérdese nelas.

ROTAS TURÍSTICAS

      Ademais deste espirito do noso pasado que se encerra en torno aos muíños., temos o seu entorno que parece contaxiado desa paz e misterio que envolve os lugares omde se encontran algúns muíños. Non hai nadamáis reconfortante nun bo día caluroso da primavera ou do verán como facer un percorrido polo río Té e atoparse co frescor que se respira nas súas beiras.

     Si comenzamos o noso percorrido no lugar de Té, despois de pasar a Laxe , e á altura do Cocón e Villanustre, vemos un pozo que os máis novos aproveitan para nos días calurosos darse un bo chapuzón, o mesmo fan no Pozo de Lemos un pouco máis arriba no Batán. Seguimos río arriba e de lonxe xa se oe o bullicio dos máis novos que a ritmo de transistor e "vespino" están chapoteando nas augas do Té, outros están tendidos debaixo das árbores que hai alí. Estamos á altura das Miráns.

    Se visitas esres lugares ao serán o que vas encontrar é unha tranquilidade absoluta, son verdadeiros remansos de paz. O cumio desa tranquilidade vala ter ao pasar a Ferrería, alí, no medio da fraga, vas descubrir o Pozo Bastón, un lugar que, para sentilo, o  mellor e visitalo un día deses calurosos do verán.

    Despois, se aínda quedan forzas, pódense remontar os regueiros de Campelo, pola esquerda, e Bustelo, pola dereita, e desde, alí, imos ter ocasión de ver a beleza do val que se forma entre o Vilar, Campelo e Bustelo. Para rematar pódese subir pola aba do Pico Muralla e divisar a paisaxe tan fermosa que desde alí se observa coa ría de Arousa  alá ao fondo. Ao volver podémolo  facer polo Vilar e, ao chegar á altura de Cerqueiras, co fondo da Ría e de Rianxo, daremos rematado e por ben empregado o tempo.

    Pensamos que cando se remata de facer este percorrido cada un dos que o fixo, estará en condicións de comezar un relato diferente ao que se vos mostrou, pois cada persoa vai experimentar distintas sensacións. Que así sexa...

UNHAS PROPOSTAS

    Representando o que representan e sendo o que foron, non podemos deixar que estes muíños desaparezan e con eles parte da nosa historia máis recente. Hai que evitar que iso pase e os muíños máis destacados, ben sexa pola súa construcción, estado no que se atopan ou o que representan, se perdan para sempre e nos quedemos sen os muíños de cubo de Guixar, Ferrería, ou Bexa; os de Picón (xa reconstruídos) , os do pau do Cura ou Francuín, o do Ferreiro, o do Xordo e demais . Hai que conservalos.   Para o que pedimos a colaboración dos organismos públicos: Concello, Diputación, Xunta de Galicia, a través dos seus plans de conservación do Patrimonio; dos propietarios, e de todos aqueles que poidan evitar que desapareza unha parte da nosa historia e da nosa cultura máis recente. Fagamos o posible para que isto non suceda.

José Vicente Figueiro Carou & José Antonio Calvo Ces, 1992

                      (Nestes anos que pasaron, desde a elaboración do traballo, cambiaron algúns dos lugares que visitamos, houbo algunha restauración  e outos seguen esquecidos ou desapareceron: que o camiño iniciado para a conservación da nosa memoria como pobo siga.)

CANTIGAS

CANTIGAS

ASADOS

  Fun ao muíño con Laura,

con Laura fun ao muíño.

O muíño troula, troula

e non o puiden parar

porque Laura non estaba casada.

O muíño troula, troula,

se troula déixao troular

pero como non estaba casada

Laura non o puido parar.

                                                  ------------------

Fun ao muíño con Paula,

fun ao muíño con ela.

Ela durmiu nos meus brazos

eu durmín nos brazos dela.

  --------------------------

Eu queríame casar,

miña nai non teño roupa,

casa, miña filla, casa

cunha perna tapa a outra.

-------------------

Carballeira de San Xusto,

carballeira derramada.

Naquela carballeiriña,

perdín eu a miña navalla.

----------------------------

Eu caseime no Araño,

pensando que había pan.

O forno de miña sogra,

cría silvas no verán.

------------------

Vai de aí, e vai calado

cara de cañoto seco.

vai de aí e vai calado

que contigo non me meto.

------------------------

Valladares, Valladares,

tera seca non da pan.

mäis vale quedar solteira,

 que casar cun balandrán.

Valladares, Valladares,

tera seca non dá fruta

Máis vasle quedar solteiro

que casar cunha ........

CANTIGAS

Taragoña

Carrandán vai no muíño,

 leva un saco enriba doutro.

Espera aí carrandán,

que che quero poñer outro.

----------------------------

O muíño troula, troula,

se troula, déixao troular,

a fila do muíñeiro

rabea por se casar.

-----------------------

Miña nai non quere

que eu vaia ao muíño,

porque o muiñeiro

rebrinca comigo.

rebreinca comigo

 e volve a rebrincar,

porque a saia nova

me quixo rachar.

---------------------

O muíño de meu pai,

non é muíño, é convento.

Os casados para fóra,

os solteiros para dentro.

------------------------

Pon non ter fariña,

deixáchesme soa;

 por nonter muíño,

ti fuches con outra.

---------------------

Olvidáchesme por pobre,

por non ter lareira;

agora que a teño,

vés a min muiñeira.

-------------------------------

O crego foi ao muíño

e caeu da ponte embaixo.

Acudide ao crego, mozos,

que vai polo río abaixo.

------------------------------

O muíño xa vai vello,

bota silvas ao redor;

as mozas que van a el,

todas perden a color.

------------------------------

Ao muíño de meu pai,

eu ben se lle sei o tempero;

cando está alto, baixalo;

cando está baixo, erguelo